
A prestixiosa revista inclúe a capela dos Martores na edición especial sobre as revoltas relixiosas
19 jun 2025 . Actualizado a las 14:57 h.Valga ten moita historia detrás, e dun anaco dela vén de dar conta a edición a edición especial de National Geographic sobre O esplendor dos últimos romanos. A vida na Península Ibérica nos séculos III e IV. A revista especializada en historia e viaxes aborda o fenómeno do priscilianismo e sinala a Os Martores como lugar a ter en conta no mapa peninsular, co que abre a edición incluíndo varias referencias a Valga con fotografía da capela de San Mamede..
A lenda rodea a esta pequena aldea da parroquia de San Miguel e á súa capela dende que autores coma o teólogo José Guerra Campos apuntaron que sería o lugar no que foron soterrados Prisciliano e os seus discípulos. As súas teorías baséanse, principalmente, no estraño topónimo, único en Europa, de Os Martores, vendo nel unha evolución de Os Mártires, nome co cal foron considerados os prisicilianistas executados en Tréveris (Alemaña) no ano 385, segundo informa o Concello de Valga.
O artigo que publica National Geographic está asinado por Diego Piay Augusto, arqueólogo e historiador pontevedrés que ten na figura de Prisciliano e no movemento do Priscilianismo un dos seus temas recorrentes de estudo co que, por exemplo, obtivo o doutorado Cum Laude e con mención internacional pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2016.
No texto, que pode lerse tanto na versión española coma na portuguesa, explica o xurdimento e expansión da corrente priscilianista crítica coa xerarquía episcopal e os bispos da época polo seu apego aos bens materiais e á opulencia. O choque entre ambas tendencias, que a piques estivo de romper a unidade do cristianismo, rematou con Prisciliano executado por herexía e venerado como mártir polos seus seguidores. «É neste punto no que Diego Piay relaciona diferentes lugares posibles de enterramento dos restos de Prisciliano, entre eles Os Martores e a súa capela», engaden desde o Concello.

A orixe desta construción remóntase ao século IV e no seu exterior consérvanse restos dunha necrópole medieval, en concreto dous sartegos antropomorfos. Nunha das restauracións realizadas na capela atopouse, ademais, unha ara romana do século IV dedicada a Mercurio, deus romano e do comercio. «Este achado outorga a este lugar a consideración de centro de culto dende tempos inmemoriais», segundo as mesmas fontes.