Embelecer Valga pon en valor trinta espazos públicos grazas á implicación veciñal
VALGA

O xurado avaliou proxectos de creación e mantemento en prazas, parques e fontes do municipio, que repartirán 1.600 euros en premios
26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Valga tivo na fin de semana a resolución dunha nova edición do concurso Embelecer Valga, unha iniciativa coa que o Concello busca implicar á veciñanza na mellora e posta en valor dos espazos públicos. O xurado percorreu unha trintena de recunchos do municipio, dende parques e prazas ata fontes, lavadoiros ou zonas de lecer, todos eles acondicionados e decorados polos propios veciños con materiais facilitados polo consistorio.
O certame, que se convoca cada ano, recoñece tanto as creacións de novos espazos coma os traballos de conservación e limpeza de instalacións xa existentes. Na modalidade de «Obra nova» concorreron proxectos coma a creación dun local social en Campaña, a posta en marcha dun xardín no IES de Valga, a recuperación dunha área de xogos en Raxoi ou a rehabilitación dunha fonte en San Miguel. Na categoría de «Mantemento» presentáronse numerosas propostas en parroquias e aldeas: dende a conservación de lavadoiros e fontes en lugares como A Medela, Balleas ou Eiras, ata a mellora de parques en Barcia, Carballiño ou Gándara, pasando pola recuperación de contornas como a igrexa de Eirexe, o miradoiro da Perdiz ou a praza Vicente Cousiño. Tamén houbo actuacións en centros educativos como o colexio Baño-Xanza ou a escola infantil municipal.