«Lúas De Outubro e Agosto» leva vendidas máis de tres mil copias
04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Lanzado a finais do ano pasado, Lúas De Outubro E Agosto leva vendidas máis de tres mil copias. Trátase do disco máis recente de Guadi Galego (gaiteira e voz principal de Berrogüetto, ademais de formar parte de proxectos como Nordestinas, Espido e aCadaCanto) que este sábado chega ao salón García. As entradas, a cinco euros, xa están á venda a través do portal www.servinova.com e a propia billeteira do recinto vilagarcián, dende as sete do serán do mesmo día da actuación.
O traballo dunha creadora sobranceira dentro do fértil universo musical galego contén, segundo a crítica, «fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco». Gravado en xuño pasado nos estudos Alis Records, de Baeza, conta coa produción de Pachi Alis, que acadou un resultado sofisticado e sorprendente. Nel plásmase a colaboración de Santi Cribeiro no acordeón e Pablo Pascual no clarinete.
Un dos primeiros directos
O concerto de Vilagarcía constitúe unha das primeiras ocasións nas que os novos temas soarán en directo dentro da súa xira de presentación, xa que o disco só fora interpretado por ela en decembro, dentro do Culturgal, nun pequeno concerto.