Carlos Paz compite en Barcelona no Europeo de 49er

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Faino sen Antón, responsable técnico do equipo neozelandés da clase Nacra 17 en Hyeres

12 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos e Antón Paz voltaron esta semana á actividade competitiva. Só que separados entre si, se ben non moitos quilómetros. Co patrón do Paz Sailing Team prolongando no Campionato de Europa que onte arrincaba en Barcelona unha tempada de 49er que os irmáns vilagarciáns deran por rematada tras o seu frustrado asalto á praza olímpica española no Mundial de Clearwater, Florida, o pasado mes de febreiro. Unha cita continental á que Antón non puido asistir por canto a posibilidade de facelo se presentou na mesa de traballo da parella do Real Club de Regatas Galicia co tripulante comprometido xa cun equipo neozelandés da clase Nacra 17 para dirixilo na inminente Semana Olímpica Francesa de Hyeres.

Así as cousas, Carlos Paz tirou do cántabro Álvaro del Arco para a cita barcelonesa. O campión do mundo júnior de 49er no 2015, co que o arousán xa fixera parella na proba da Copa do Mundo de clases olímpicas en Weymouth, en xuño do ano pasado, e co que posteriormente gañaría o Campionato de España de 49er disputado en Vilagarcía. En ambos casos, durante a longa convalecencia de Antón Paz por unha neumonía sufrida en plena competición no Trofeo Princesa Sofía do 2015.

Carlos e Del Arco iniciaron onte o Campionato de Europa. E tras un sobranceiro decimoterceiro posto e un discreto 28, pincharon cun fóra de liña na terceira e derradeira manga puntuable da xornada, que a falta da chegada do descarte, previsiblemente hoxe, os relega ao posto 58 dunha frota de 72 unidades.

A parella galego-cántabra é a quinta e última clasificada das españolas en lid, co santanderino Diego Botín e o galego Iago López undécimos con 25 puntos, a 21 dos líderes neozelandeses Peter Burling e Blair Tuke. Os asturianos Federico e Arturo Alonso aparecen no posto 26 con 42 puntos.