Triunfo do E. Otero sobre o Vilagarcía no derbi de apertura da División de Honra

Vilagarcía / La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

O trío cambadés superou 2-4 a un conxunto local que inda sen Mampel tivo as súas opcións de gañar

04 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen a ex figura do tenis de mesa español e hoxe director da sección do deporte da pa no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat, Ramón Mampel, o Vilagarcía Cocinas Bulthaup foi superado 2-4 polo Establecimientos Otero no derbi arousán co que este ano quixo o calendario abrir a Liga de División de Honra.

Confirmada a baixa de quen debe asegurar primeiro a permanencia sen sobresaltos do Vilagarcía Cocinas Bulthaup, e quizais a súa repetición na fase de ascenso despois, o E. Otero púxose por diante con suma facilidade con triunfos por 0-3 de Fernando Padín sobre o veterán Gonzalo Recuna e da fichaxe estrela do cadro cambadés, o granadino Rafael Taboada, ante o chileno Andrés Guillermo Correa.

Nigeruk freou o avance visitante superando con moito esforzo a Guillermo Sánchez 3-2, nun duelo de continuas alternativas. Taboada cumpría o trámite ante Recuna, 0-3, e Nigeruk facía o propio a costa do canteirán cambadés Fernando Padín, 3-0. Nun axustado enfrontamento Guillermo Sánchez evitou o cara ou cruz do dobres, converténdose no home do derbi ao poñer co seu 2-3 contra Correa o definitivo 2-4 que decantaba o choque do bando do Establecimientos Otero.