O C.B. O Meco Rafonca gaña o derbi e afiánzase no liderado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O cadro grovense endosoulle ao seu anfitrión vilagarcián a súa terceira derrota

16 nov 2016 . Actualizado a las 12:06 h.

O primeiro dos dous derbis arousáns na Primeira División 2016/17 decantouse do lado da balanza do C.B. O Meco Rafonca. Un conxunto grovense que fixo gala da súa condición de líder do Grupo Sur na antesala da EBA, impoñéndose ao termo do seu choque en cancha vilagarciá 54-69 a un Sigaltec metido en problemas. Cun penúltimo posto logo das tres derrotas encadeadas polos homes de Diego Doval.

Foi o do pasado sábado no Pavillón de Fontecarmoa un partido de dúas partes moi diferenciadas. Cunha primeira metade marcada pola iguladade, e unha volta de vestiarios cun único dominador.

Cun baloncesto moi intenso por parte de ambos equipos, o Sigaltec atopouse co poder anotador de Little desde máis aló da liña de 6,75, recurso que lle proporcionou ao C.B. O Meco Rafonca un de cada tres dos puntos que lle permitiron chegar ao descanso por diante nun axustado 32-36.

O endurecemento da defensa visitante, unido á continuidade do seu acerto no lanzamento exterior, resultou un cóctel letal para o equipo vilagarcián. Os de Manu Bello, con Dani Prol como reforzo, asinaban un parcial de 0-8 de saída amparado pola seguridade do dominio do rebote.

O C.B. O Meco Rafonca non tardou en adquirir unha cómoda vantaxe por riba dos 15 puntos que converteu o derradeiro cuarto en dez minutos de trámite. Cos homes de Diego Doval pelexando cada balón, pero cada vez más afundidos animicamente pola cronificación da súa pobre porcentaxe de acerto no tiro.

Little, que anotou os seus 21 puntos en sete triplos, rematou como máximo anotador dun derbi que deixa dous equipos con balances inversos: 3-1 e 1-3.

 

SIGALTEC: Damián (12), Julio (8), Rubén (8), Javi (3) e Manu Fernández (1) -quinteto titular- Óscar (3), Nacho Patiño (9), Cholas (4), Breogán (4), Guille (2) e Alberto

C.B. O MECO RAFONCA: M. Prol (4), Little (21), Martín (9), Bruno (12) e Acuña (14) -quinteto titular-; Dani Prol (4), Oubiña, Jon (3), Mouriño (2), En-Nabbar, Rial e Garrido

Parciais (e marcador) cada cuarto: 17-22, 15-14 (32-36 ao descanso); 8-18 (40-54) e 14-15 (54-69 resultado final).

Árbitros e personais: Blanco e Escariz. Sinaláronlles 21 faltas ao Sigaltec e 18 ao C.B. O Meco Rafonca. Eliminaron a Alberto.