Jéssica Bouzas roza o seu segundo título en sete días

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

A vilagarciá e a italiana Brancaccio só cederon o triunfo no dobres de Benicarló no super tie break ante a austriaca Kraus e a gala Parry

24 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No super tie break, e por un estreito 10-8. Só así foron quen de derrotar a austriaca Sinja Kraus e a francesa Diane Parry, cabezas de serie número 3, ao dúo formado pola vilagarciá Jéssica Bouzas e a italiana Nuria Brancaccio na final que na tarde de onte dirimía o nome da parella feminina gañadora do Torneo de Benicarló; un Grao 2 no circuito ITF Tennis Junior.

O super tie break calcou o partido a cara de can coprotagonizado a un e outro lado da pista, con Kraus e con Parry conseguindo darlle a volta ao 2-5 co que arrincaran Bouzas e Brancaccio para levarse o primeiro set por 7-6(2). E co tándem hispanoitaliano evitando unha nova remontada rematando por gañar 5-7 un segundo set que comezaran 0-4 por diante.

Se nas derrotas atopan os grandes deportistas as mellores leccións, a experimentada onte en Benicarló por Jéssica Bouzas promete ser unha excelente clase maxistral. Sobre o difícil que resulta gañar un torneo do circuito mundial, e mais tras dar o salto dos grados 3 a 5 aos de nivel 2. E sobre o moito que se require para prantarse en dúas finais en cuestión de sete días, despois de gañar o pasado sábado o cadro individual do Torneo de Vinarós, tamén de Grao 2, e nada menos que a costa da campioa española júnior e mellor raqueta feminina hispana no ITF Tennis Junior -número 43-, Paula Arias.

A de onte foi a cuarta final dun cadro de dobres de Jéssica Bouzas no seu escaso ano e medio no circuito mundial Sub-18. En febreiro do 2017 perdía o partido polo título do Alger Mehdi Bouras (Grao 5) xunto coa tamén española Lucía Garrigues, para asinar un dobrete unha semana despois gañando o dobres e o individual do Ben Aknoun (Grao 5). En agosto do 2017 caía na final do Torneo Sánchez-Casal Júnior (Grao 4) formando dúo coa alemana Schech.

O subcampionato en Benicarló, con outros 12,5 puntos sumados, anuncia unha nova escalada de Bouzas no ránking ITF Tennis Junior o luns, e confirma o seu grande estado de forma ante o Trofeo Juan Carlos Ferrero, de Grao 1. Palabras maiores para unha tenista de 15 anos que mañá o arrincará polo camiño longo da previa.