A Travesía a Nado Porto de Vilagarcía bate o seu récord con 250 inscritos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A organización repartirá o domingo 1.000 euros en premios

27 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Travesía a Nado Porto de Vilagarcía chegará este domingo á súa trixésimo sexta edición. Faráo baixo a organización do Club Natación e Salvamento Vilagarcía. O seu presidente, Fernando Vicente, presentou onte a proba xunto co concelleiro de Deportes, Miro Serén. E fíxoo anunciando a boa nova dun novo récord de participación, con 250 inscritos a falta do derradeiro día para apuntarse na proba, hoxe.

Varios son os motivos deste dato, explicou Fernando Vicente. Con afán de poñer en valor unha carreira a nado coa historia da vilagarciá, o club organizador optou este ano por conseguir a súa inclusión no calendario puntuable do Circuito Galego de Augas Abertas, da que será a cuarta de trece probas. E fíxoo, ademais, co gancho de 1.000 euros que se repartirán entre catorce premios en metálico aos mellores das categorías federadas.

E é que ademais da travesía de 2.500 metros, haberá unha popular de 1.200, e unha terceira para os máis cativos de 250. Esta última, na dársena 2 do peirao de pasaxeiros de Vilagarcía, punto de saída e de chegada para as nove categorías en lid. Os nadadores das federadas serán os primeiros en saltar á auga, ás once da mañá.

«Este ano queriamos que a Travesía fose máis vistosa», apuntou o presidente do C.N.S Vilagarcía, de aí a novidade dos premios en metálico, e tamén da disposición dun dron para facer unha reportaxe audiovisual da cita.