Un «punto de inflexión» urxente para o Arousana

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

As de Juan Laxes reciben hoxe na Lomba a un Oceja á par na táboa

22 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Atlético Arousana afronta hoxe un atípico partido de Liga en tarde sabatina. A disputa da derradeira xornada da primeira volta da Segunda División, a categoría de prata do fútbol feminino español, levou a Real Federación Española de Fútbol a ditar a todos os equipos da Liga que xoguen hoxe os seus respectivos encontros.

Ás cinco da tarde o conxunto que dirixe Juan Laxes recibe o C.D. Oceja. O conxunto da localidade cántabra de Santillana del Mar é antepenúltimo na clasificación do Grupo 1 cos mesmos 5 puntos cos que conta o cadro vilagarcián, penúltimo pola súa maior diferenza de goles encaixados. Curiosamente, os dous presentan unhas cifras de goles en contra moito máis abultadas inda cás do pechacancelas, o Sárdoma C.F., que recolleu o balón do fondo da súa portería en 49 ocasións nos doce primeiros partidos do campionato, polos 56 do Oceja e polos 61 do Atlético Arousana.

Con este panorama, Juan Laxes declaraba onte con rotundidade que o de hoxe é un choque que «tiene que ser un punto de inflexión. El Oceja es un equipo parejo al nuestro, que viene a nuestro campo. Tiene que ser el momento de cortar la racha». Unha serie de seis derrotas consecutivas, tres delas con entre oito e nove goles en contra; e un único triunfo do combinado arousán, figurando no seu casilleiro desde a xornada inaugural do campionato ligueiro, 2-3 no campo dun Sárdoma que inda non sabe o que é puntuar no que vai de curso.

Saír do fondo da táboa

Respecto do seu rival, Juan Laxes salienta que «cuenta con jugadoras de mucha fuerza», e pese aos seus 56 goles encaixados, «defienden ordenadas». Non cometer os garrafais erros ante a súa propia portería que lle custaron xa nove derrotas é a primeira obriga das xogadoras do Atlético Arousana para poder pensar en comezar a recuperar terreo coa zona media-baixa da clasificación, co C.D. Valladares, cuarto pola cola da táboa, con 10 puntos.

Juan Laxes debe lidiar hoxe coas ausencias das súas dúas mediocentros de referencia, Zaira e a capitana, Carolina. No haber, o regreso de Belén á convocatoria,. A dianteira chegaba onte de Valencia, onde segue afincada e desde onde se despraza intermitentemente aos partidos de Liga do Atlético Arousana.

Mari Paz e Bárbara, premiadas na Gala do Fútbol Feminino Galego

Abegondo recollerá o 29 de decembro o testemuño do Concello de Cambados como escenario da Gala do Fútbol Feminino Galego. Un acto impulsado pola Revista do Fútbol Feminino Galego que na súa sexta edición contará con a lo menos dúas futbolistas arousás entre os seus 27 premiados. A dianteira do Atlético Arousana Bárbara Sierra, por ter sido a pichichi da Primeira División Galega a tempada pasada, e a vilagarciá Mari Paz Vilas, única galega en xogar a última Eurocopa, elixida mellor xogadora da Comunidade 2017/18.