Os Ingleses pelexa co Ferrol a vantaxe de campo na fase final polo título de Liga
VILAGARCÍA DE AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/eo2W8bHF4jxLUl5ocHZxtoaJPz8=/480x/2019/03/15/00121552680243011135592/Foto/AG14C2F1_21218.jpg)
O conxunto vilagarcián precisa gañar hoxe en Fontecarmoa por alomenos 8 puntos, ou facelo conseguindo catro ensaios e que o seu rival non os realice
16 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A primeira fase da Liga de Primeira Autonómica de rugbi conclúe hoxe coa chamada a ser a final anticipada polo título. Os Ingleses R.C. recibe esta tarde, no estadio de atletismo de Fontecarmoa (17 horas), o Ferrol, no derradeiro encontro da liguiña que disputaron o primeiro, segundo e terceiro clasificados ao termo do campionato regular. Co CRAT B coma convidado de pedra, o conxunto vilagarcián pelexa por arrebatarlle o primeiro posto ao seu rival, e facerse deste xeito co factor cancha na semifinal e na hipotética final polo título autonómico, ambas a partido único.
As contas están claras. Co Ferrol líder con 28 puntos na clasificación, 3 máis co Ingleses, e logo de caer este 18-12 na primeira volta da liguiña, o equipo que dirixe David Lema precisa, ou ben gañar de alomenos 8 puntos de diferenza, a fin de evitar o bonus defensivo do seu adversario, ou vencer anotando un mínimo de catro ensaios e que o Ferrol non os faga, o que lle proporcionaría ao cadro arousán o bonus ofensivo.
O adestrador dos Ingleses amosábase onte razoablemente optimista ao respecto. E isto é así tras recuperar a varios homes de peso respecto ao encontro de hai un mes na cidade departamental. A Chuco, á, a Biris, centro, pero sobre todo a Maverick e a Marcos, segundas liñas, dada a importancia que, subliña David Lema, volverán ter as fases estáticas do xogo, touchs e melés, nas que «sufrimos moito en Ferrol», lembra o técnico arousán. Con Maverick e con Marcos Lema confía en poder elevar o número de posesións do oval inda coas baixas de Alejo e de Gamba, ambos por traballo.