Veloso, como un neno que volve calzar os seus vellos zapatos novos

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O arousán do W52-F.C. Porto iniciará o martes a Volta a Turquía, a súa primeira carreira UCI ProTour desde o 2012

14 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que coñecen a Gustavo César Veloso saben que se trata dun corredor pouco dado a saírse do guion cartesiano cando toca analizar unha carreira. Con todo, o seu regreso á Volta a Turquía sete anos despois ben merece unha breve licenza do vilagarcián, que antes de partir hoxe cara ao seu primeiro gran destino da tempada co W52-F.C. Porto, permitíase confesar que a rolda asiática de seis etapas lle resulta especial. Por tela corrido con excelentes resultados en tres ocasións anteriores. Pero sobre todo, porque «vou correr de novo unha carreira UCI ProTour, a primeira desde a Volta a España do 2012» co Andalucía, cuxa desaparición rematou con Veloso sufrindo un ano sabático antes da súa recuperación para o ciclismo no equipo continental portugués do que agromaría o actual W52-F.C. Porto.

Gustavo César lembra que nas súas participacións na Volta a Turquía do 2008 e 2009, co Xacobeo Galicia, e 2012, co Andalucía, «sempre houbo un compañeiro de equipo no podio», mesmo cun triunfo na xeral, co arousán quedando ás portas con dous cuartos postos no 2008 e no 2009. «Sempre gocei nesta carreira. E este ano agardo gozar de novo», di.

Veloso é consciente de que as cousas son ben distintas hoxe. Non só porque agora está máis preto dos 40 que dos 30. O martes iniciará a Volta a Turquía cun só día de competición, un mes atrás, retrasado o seu inicio de tempada por un accidente doméstico que lle mancou unha costela. Sabedor de que «outros corredores chegan con 30 días de competición nas pernas», e de que «é un pouquiño bravo» arrincar con case 1.000 quilómetros de rodaxe en seis días, incluída unha etapa raíña con final nun porto de categoría especial, Gustavo confesa que lle «mete un pouco de respecto». Mais tamén sabe que «adestrei ben», con 16 días en alto xunto co cambadés Ángel Sánchez na estación de Manzaneda. «Xa teño sensacións de ciclista», declara, ademais de perder 4 kilos no último mes, para situarse en 72.

Agora toca saber «como estou respecto aos demais», sinala Veloso. Entre media ducia de equipos World Tour e dez continentais profesionais, con Mark Cavendish e co amigo de Gustavo no Delko galo Delio Fernández na saída.