Pedro Muñoz Fole, Mellor Deportista do Ano de Vilagarcía

VILAGARCÍA DE AROUSA

O canteirán do Kenpo Vilagarcía ve recoñecida a súa dobre condición de campión do Mundo no ano 2018

13 dic 2019 . Actualizado a las 23:10 h.

A Gala do Deporte Local de Vilagarcía coroou na noite deste venres a Pedro Muñoz Fole como Mellor Deportista do Ano 2018. Na vixésimo novena edición do galardón promovido pola Fundación Municipal de Deportes da capital arousá a estrela do Kenpo Vilagarcía víu recoñecida unha traxectoria encabezada polos seus dous títulos mundiais Sub-21 en Budapest, Hungría. Un éxito que viña precedido doutros tantos ouros mundiais, Sénior e Sub-21 o ano anterior, que xa lle valeran a condición de finalista a Mellor Deportista Vilagarcián do Ano 2017.

A mediofondista Raquel Meaños Asensi, gañadora da máxima distinción local na edición anterior, foi un dos catro compañeiros de Pedro Muñoz nos asentos reservados aos finalistas do galardón sobre o escenario do Salón García. O regatista da clase preolímpica 420 e campión do mundo e europeo Sub-17 Jacobo García García, o campión de España de duatlón, de acuatlón, de triatlón esprint e de triatlón cross veterán Andrés López Torres, e Jordi Aragonés, preparador da selección absoluta feminina de baloncesto, coa que conquistou o bronce mundial no 2018, e representado onte polo seu pai, completaban este ano a nómina de aspirantes a Mellor Deportista do Ano.

Con anterioridade ao descubrimento do segredo mellor gardado pola Fundación Municipal de Deportes, polas táboas do Salón García fóronse sucedendo as persoas que, por ser os propios galardoados, ou en calidade de representantes dos mesmos, recolleron as sete mencións especiais concedidas polo xurado. A máis emotiva, a que este último lle outorgou a título póstumo a Celestino Brianes Lojo, personaxe capital durante décadas en tantos clubs do municipio, e no propio funcionamento da Fundación; mención recollida pola súa emocionada e agradecida filla Teresa.

Garavilla S.L., polo seu apoio ao deporte local colaborando coa promoción e o desenvolvemento do remo, a Asociación Deportiva e Cultural EncestaRías, en calidade de organizadora da cuarta edición do seu torneo homónimo, quen de reunir en Vilagarcía a varias franquicias da segunda mellor liga de baloncesto do mundo, a ACB, Sandra Estrada Fernández, directora técnica e adestradora do Club Ximnasia Rítmica Arousa, José Ramón Santórum, Ju, directivo dos Ingleses Rugbi Club desde a súa fundación a finais dos anos 80 do pasado século; e o Atlético Arousana, en plena celebración dos seus primeiros 25 anos de historia e referente do fútbol feminino da bisbarra. Todos eles foron recoñecidos con cadansúa mención especial na vixésimo novena Gala do Deporte Local de Vilagarcía.