O Arousa, de acordo cun formato exprés que o clasifica para a fase

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O presidente arlequinado defende a proposta da RFEF, que situaría o equipo vilagarcián nunha final a catro galega, e só o gañador ascendido. Arousana e Umia, os outros beneficiados

15 abr 2020 . Actualizado a las 22:51 h.

Practicamente ao minuto da publicación por parte da Real Federación Española de Fútbol da súa proposta dunha finalización exprés de todas as ligas de Segunda B para abaixo, a Real Federación Galega de Fútbol convocaba o martes á noite os seus 20 clubs de Terceira a unha xuntanza telemática. Un encontro que se foi ata as catro horas de duración, contra a unha da madrugada. Nel, o presidente do Arousa, Manolo Abalo, coñeceu o formato da primeira promoción a Segunda B en 27 anos que disputará o seu equipo se, como parece, a iniciativa da RFEF sae adiante a vindeira semana.

Así, eliminando as once xornadas pendentes da fase regular da Liga do calendario, e anulando os catro descensos previstos na normativa coa que arrincou a competición, a Española propón que haxa un ascenso por comunidade autónoma, tras unha fase a partido único. Co líder e co cuarto clasificados medíndose nunha semifinal, no caso galego o Compostela e o Barco, e o segundo e o terceiro, Ourense C.F. e Arousa, na outra, na mesma fin de semana en campo neutral. Uns días máis tarde, no mesmo escenario, os gañadores disputaránse o gran premio.

«A verdade é que o mellor sería concluír todo o calendario de Liga, e que cada un conseguise ao final o posto que se merecería. Pero vendo a situación, que vai ir para longo, e que non vai poder haber público nos campos a ver se para decembro, paréceme a solución máis correcta». Esta é a opinión de Manolo Abalo, que pon sobre a mesa o esforzo feito por varios equipos como Arousa para tentar estar esta tempada na promoción a Segunda B: «Seguramente os equipos que estamos arriba e os que están abaixo estaremos de acordo. Outros que están polo medio ao mellor non están tan contentos, pero veno razoable. Se se suspende todo por completo, ninguén gaña nada».

Sen datas para esa promoción a tres partidos, con semifinais e final, que Abalo ve xogándose en xullo ou en agosto, o mandatario arlequinado manifestou a súa pena ao dar por feito que os encontros se xogarán a porta pechada: «Síntoo pola nosa xente, sobre todo polos socios maiores, de que non poidan gozar dunha promoción no campo». O consolo, que será retransmitida pola TVG.

Noutra orde de cousas, o Arousa recibíu a autorización do ERTE que presentaba hai varias semanas para catro dos cinco traballadores do club.

Arousana e Umia, os outros beneficiados

Se o Arousa será o gran beneficiado do fútbol masculino do Salnés se a proposta da RFEF para o balompé modesto sae adiante; no feminino o Atlético Arousana e o Umia, último e penúltimo clasificados do Grupo 1 da Primeira Nacional ata o parón, salvarán unha categoría que tiñan case perdida.