O San Roque que vén: sen Auga e con acomodadores nos actos festivos

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ravella desvela as liñas xerais do programa que se despregará na vila en agosto
25 jul 2020 . Actualizado a las 08:45 h.Estaba cantado: este ano, o verán de Vilagarcía será un verán sen Auga. Nun momento no que os rebrotes de covid-19 se multiplican, o Concello de Vilagarcía vén de poñer as cartas boca arriba e confirmar o que era esperado: que todos os actos multitudinarios das festas de agosto caen este ano do cartel. Algúns, como a Festa da Auga, foron anulados. Outros, como o Combate Naval, reformulados. Non queda outra que adaptar as celebracións a este estraño momento no que nos atopamos, a fin de conseguir un equilibrio imprescindible entre a salvagarda das tradicións e da importancia económica das festas, por unha banda, e a necesaria seguridade sanitaria pola outra.
Entre o 14 e o 23 de agosto «organizaranse numerosas actividades e actuacións de pequeno formato, ao aire libre, en espazos acotados, co público sentado, con control de aforo e levando rexistro de asistentes por si fora preciso facer rastrexos», anuncia Ravella. Non só se adaptarán os formatos, senón que se porá en marcha, con cada un deles, «un estrito protocolo de seguridade que conleva un importante esforzo económico e organizativo por parte da Administración local».
A esas estritas normas deberán someterse aqueles que acudan, por exemplo, ás actuacións musicais que terán por escenario o parque da Xunqueira, ao espectáculo de orquestra na Praza da II República, ao Festaclown, ao Folk no Alobre e a un reconvertido Combate Naval, que se divide en espectáculos pirotécnicos simultáneos en Vilaxoán, Vilagarcía e Carril.
É fácil comprobar que son, en todos os casos, actividades ao aire libre, es espazos acotados, con aforos reducidos, co público sentado e gardando as distancias de seguridade. Haberá, di Ravella, acomodadores, para organizarase a entrada e saída da xente dos distinto recitos, de xeito que sexan procesos ordenados e seguros. Todos os actos programados serán de balde, pero para asistir será necesario reservar praza e terán que darse os datos persoais para levar un rexistro. O uso da máscara e do xel hidroalcólico dánse por descontado. Dende o Concello fan de novo «un chamamento á poboación para que non se relaxen na prevención, para que cumpran con todas as medidas de seguridade en todo momento e para que eviten calquera situación de risco».
A hora de programar este atípico San Roque, o Concello de Vilagarcía tivo en conta a necesidade de «apoiar ao sector cultural local e galego, para que poidan continuar traballando neste complicado panorama» e de «servir de elemento dinamizador da economía local, principalmente comercio e hostalería». «Trátase de colaborar, na medida do posible, na recuperación da economía local tras os danos e as perdas causadas polo prolongado paro da actividade durante o estado de alarma».
Dende Ravella amosan un desexo compartido por todos: que o covid-19 pase a historia e que pronto poidamos recuperar a normalidade e gozar, o vindeiro ano, das festas tal e como ata agora as coñecíamos. No caso de San Roque, con ese gran baño compartido que é a Festa da Auga.
Reproches
Tras facer público o Concello de Vilagarcía o trazo groso do programa de Festas de San Roque, tras confirmarse que non haberá Festa da Auga, comezou o debate político. Desta volta, da man de Podemos-Marea da Vila, que reprochan ao goberno local que non informara á veciñanza con anterioridade, a fin de abrir un proceso de diálogo para presentar uha alternativa consensuada. «O tempo é fundamental para moitos negocios da vila, que teñen que planificarse debido á repercusión económica das festas».