
O Fontecarmoa suma cinco postos de honra nos campionatos autonómicos
06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O Club Xadrez Fontecarmoa fixo gala da súa condición de canteira de referencia do seu deporte na comunidade nos Campionatos Galegos individuais disputados ao longo da pasada Semana Santa no Hotel Scala de Padrón. Cos Sub-14 e Sub-16 abrindo o programa o sábado 27 de marzo e cos Sub-18 e os xadrecistas en competición na categoría absoluta pechándoo na noite deste último domingo. O equipo vilagarcián, que participou con 22 xadrecistas, case o 10 % dos 240 nos que estaba limitado o conxunto dos campionatos polas restricións sanitarias vixentes, celebrou a presenza de catro deles entre os tres mellores das súas respectivas categorías. Con Andrés Rodríguez Ferreirós á cabeza na súa condición de novo campión galego Sub-18.
Rodríguez completou as oito roldas das que constaban cada un dos campionatos das catro categorías en busca de rei e de raíña con 6,5 puntos. Un punto máis cá media ducia de aspirantes ao cetro Sub-18 clasificados inmediatamente despois e que se repartiron os postos segundo a sétimo. Con este resultado, o canteirán do CX Fontecarmoa consegue unha das bolsas económicas coas que a Federación Galega de Xadrez sufragará a participación dos mellores xogadores da comunidade nos vindeiros Campionatos de España individuais, en Salobreña, Granada, no mes de xullo.
Logo de pelexar durante todo o torneo nas primeiras mesas, o cambadés do C.X. Fontecarmoa Luca Rey Chimera fíxose co bronce no Campionato Galego Sub-16 con 6 puntos.
O poderío feminino do club
Máis preto do título estivo a vilagarciá Irene Diz Loroño, que xogando nunha categoría superior pola súa idade, conquistou o subcampionato feminino Sub-14 coa súa decimoquinta posición na clasificación xeral combinada con 5 puntos, perdendo o título por só medio punto nos desempates. A súa compañeira Paula Suárez acabou terceira.
Na categoría absoluta, o C.X. Fontecarmoa tivo nos irmáns Julio e Paula Suárez as súas grandes bazas. El concluíu sexto, entrando así no podio extensivo, ata dito sexto posto, fixado pola Federación, cos mesmos 6 puntos có segundo clasificado, o Gran Mestre David Lariño. Paula, con só 13 anos, rematou terceira na clasificación feminina con 4,5 puntos, que lle valeron para concluír no trixésimo primeiro lugar de entre os 74 participantes, homes e mulleres, no Campionato Galego Absoluto.
A próxima cita do C.X. Fontecarmoa será esta vindeira fin de semana, co Campionato Galego Sub-8 disputándose no mesmo escenario padronés, no que os días 24 e 25 deste mes se dilucidará a Copa Galicia de clubs.