
A organización anuncia a celebración da novena edición tras o parón do verán pasado
23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«¡Buenas noticias! Os informamos de que estamos ultimando los detalles para celebrar la novena edición del Campus Internacional de Fútbol Pablo Coira». Así arrinca a mensaxe coa que a organización vén anunciando nas últimas dúas semanas o regreso dunha das propostas de tecnificación máis consolidadas e con maior proxección na comarca arousá en época estival en materia balompédica. Un campus en Vilagarcía de Arousa para rapaces de 6 a 17 anos que o verán pasado tivo que asumir a realidade da case práctica totalidade de iniciativas do mesmo corte, incluídos os xa tradicionais campamentos de verán de boa parte dos clubs da zona, cancelados no 2020 cos efectos da explosión da pandemia inda ben visibles e o temor a unha segunda vagada que finalmente comezaría a coller forma en agosto.
Este ano, pola contra, «la situación con respecto a 2020 ha variado», din desde o Campus Internacional de Fútbol Pablo Coira, en tanto «se espera que este verano haya un gran porcentaje de personas vacunadas», ao que suma que «después de un año de pandemia, tenemos mucho más conocimiento de todos los factores que influyen en la transmisión del virus y cómo afrontarlos con garantías y seguridad para los jugadores y sus familias».
Con todo, a proposta de tecnificación encabezada polo campión do Mundo Sub 20 en Nixeria (1999) faráse con un par de novidades importantes, máis aló dos protocolos hixiénico-sanitarios obrigados polas autoridades no momento da celebración
A primeira gran novidade neste punto, explicou onte o director do campus, Carlos Coira, é a redución de dúas a unha semana da duración da actividade que se viña ofertando na primeira quincena de xullo. «Este ano organizarémolo do 5 ao 9 de xullo», conta o irmán de Pablo, con dobre xornada de traballo, a que se desenvolvía só habitualmente na segunda semana do campus antes da pandemia.
Redución de prazas
A outra gran novidade é a redución nun 20 % das prazas ofertadas, que pasan de 100 a 80. Unha medida coa que, explica Carlos Coira, «baixamos a ratio entre o número de rapaces por cada adestrador de 8/9-1 a 6-1», constituíndo grupos burbulla.
O que se manterá serán os escenarios. Cos campos de fútbol Manuel Jiménez e do estadio de atletismo de Fontecarmoa para as prácticas de tecnificación e as instalacións do Club Tenis O Rial para as comidas e o xogo dos rapaces.
Os asistentes terán dúas opcións. Ben gozar do programa completo, de 10 da mañá a 18.30 da tarde, ben asistir unicamente aos adestramentos, de 10 a 13 e de 16 a 18.30 horas. A primeira opción ten un custe de 180 euros e a segunda de 150. Con intención de facilitar a matrícula, a organización entregarálle a cada rapaz un talonario para poder vender rifas por valor de 100 euros que se lle descontarían do pagamento da súa participación no campus.
Antes mesmo de abrir formalmente o seu prazo de inscrición, algo que a organización prevé facer a comezos da vindeira semana, o Campus Internacional de Fútbol Pablo Coira contaba a día de onte xa con nove rapaces inscritos.