Manuel Diz: «A xente cre que estamos gañando diñeiro co torneo. Mentira. O que somos é parvos»

VILAGARCÍA DE AROUSA

Dirixe desde a súa orixe o AF7, un campionato de referencia mundial que vén de cumprir 25 edicións
18 jul 2022 . Actualizado a las 16:35 h.O pasado 29 de maio, o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 pechaba a celebración das súas vodas de prata. Nunha apaixonante final, o Atlético de Madrid levou o prezado trofeo de campión da 25.ª edición superando o FC Barcelona na quenda de penaltis tras igualar a 3 co balón en xogo. Foi o segundo título colchoeiro nun dos principais campionatos alevíns a nivel mundial, cun palmarés que inclúe sete dos 20 equipos na próxima Liga da Primeira División española, pero tamén o River Plate, Boca Juniors, PSG, Inter ou Ajax. E, entre os centos de xogadores que o disputaron, nomes como os de Thiago e Rafinha Alcántara, Iago Aspas, Carvajal, Jordi Alba, Canales, Erik Lamela, Leandro Paredes, Coman, Ansu Fati, Pau Torres ou Bernardo Silva. Á fronte deste teatro dos soños, desde o primeiro día, Manuel Diz Andión (Caldas, 19/XI/1948).
Profesor de Primaria 42 anos en colexios de Portas, de Ponteareas, de Catoira e de Carril, Diz sempre estivo moi interesado no deporte, principalmente o fútbol, ocupando os seus seis últimos anos de docencia como mestre de educación física tras ensinar antes matemáticas e ciencias sociais.
Un breve paso polo Portas e cinco anos na Liga do Sar nun equipo de Padrón resumen o seu currículo nos terreos de xogo. Fóra deles, a contribución de Diz ao crecemento e proxección do balompé en Vilagarcía comezou co inicio dos 90. A súa relación con Celso Couso desde os tempos no Portas levárono á directiva do Arousa e ao grupo de homes que sentaron as bases da que é hoxe unha das canteiras máis potentes de Galicia cando a Federación empezou ensanchar o fútbol coa creación de categorías por debaixo da xuvenil.
No ano 96, os alevíns do Arousa foron convidados a un torneo en Pontecaldelas. «Jesús Sánchez —outro directivo— e mais eu dixémonos, ‘por que non montamos un torneo así? E un mes despois, montámolo’», lembra Diz. Foi aquela unha modesta edición con triunfo do Salgueiriños, logo dunha tarde xogando co Arousa, A Seca, AJ Lérez, Pontecaldelas e Alfonso XII. Diz non esquece de onde vén o hoxe afamado torneo alevín: «Nas dúas primeiras edicións xogábase nun campo de terra e estaba feito un desastre. A noite antes enganchabamos o somier dunha cama vella a un coche e os directivos pasabámolo para alisalo».
Na cuarta edición «ocorréusenos convidar o Real Madrid», apunta o presidente do AF7. E comezaron a saber o era ter que xuntar o diñeiro para encher un cartel de primeiro nivel —a presenza merengue custoulles 300.000 pesetas das de 1999—. Pero pagou a pena: «Deunos un salto cualitativo. Un nome e máis atención da prensa».
Desvencellado da directiva do Arousa no 2001, o único ano no que o grupo de Diz non organizou o AF7, no 2004 o entón presidente do Arousa, José Manuel Gómez: «Díxonos que o club non quería o torneo, díxonos ‘Hacedlo vosotros’». E tras unha xuntanza das persoas que traballaban no AF7, acordouse tirar adiante, constituíndo unha asociación coa que realizar os pagamentos precisos, ata entón integrados na contabilidade do club: «Nós non lle sacamos nada ao Arousa, eles non quixeron facelo», recalca Diz, quen engade: «A xente cre que estamos gañando diñeiro co torneo e é unha solemne mentira. Hai outros torneos que si. Nós o que somos é parvos».
O segredo de sacar adiante sete días de campionato, incluída unha fase previa da que saen catro equipos modestos, é o froito de «traballar, un verbo que non é de fácil conxugación», subliña o presidente do AF7. Traballar para completar os «catro duros de subvencións que cada día son menos e a axuda de Ramiro Carregal», dono de Frinsa, reducida tras a marcha do torneo de Vilagarcía a Ribadumia no 2019. Reunindo o groso dos 150.000 euros de orzamento medio do campionato con patrocinios publicitarios e co aforro pola dedicación altruísta das arredor de tres decenas de persoas dispostas cada ano a cubrir as longas xornadas de traballo que require a loxística do AF7, de oito da mañá a once da noite dez días consecutivos só na fase final.
«Hai xente que pide días de vacacións para vir traballar ao torneo, sen cobrar», conta Diz. Por que?: «Pois non o sei. Creo que é a confianza na xente que levamos todo este tempo, a transparencia que hai. E logo, que facemos partícipes a todos: a toma de decisións importantes, desde a elección de equipos á compra de material, faise de maneira asemblearia». E no seu caso, confésao: «Porque estou tolo. Isto é unha obsesión».
Sobre esta base, e co aliciente de cubrir todos os gastos dos equipos, desde avión, hotel e comida ata unha oferta cultural con desprazamentos organizados a Santiago ou a diferentes rutas do Camiño, o AF7 conseguiu completar no 2004 o despegue iniciado en 1999 coa fichaxe do Real Madrid. Xuntando a River —campión ese ano— e a Boca —no 2006— e convertendo nun hábito a presenza das canteiras dos grandes clubs españois, pero tamén dos Bayer Leverkusen, Ajax, Inter, PSG, Porto, Sp. Portugal, Estrella Roja de Belgrado, Olimpique de Marsella, Borussia Dortmund, Tottenham, Omiya Ardija e Cerezo Osaka (Xapón), FC Dallas ou Roma. Unha aposta, resalta Manuel Diz, pola «diversidade cultural» que, sempre na medida das súas modestas posibilidades, continuará sendo o santo e sinal do Arousa Fútbol 7.
Descubridor de Sergio Álvarez, «O Gato»
14 anos botou Diz de docente no Colexio Progreso de Catoira, os 9 últimos como director. Un episodio decisivo na carreira dun dos grandes futbolistas galegos deste Século XXI. «A Sergio Álvarez tróuxeno eu de Catoira ao Arousa con 9 anos» tras falar coa súa nai, lembra Diz. «Faciamos campionatos escolares e vinlle cousas». O Celta de Vigo enrolou o Gato de Catoira xa xuvenil.