Arousa e Estradense reencóntranse na Lomba tras o parón con contas pendentes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Mídense por primeira vez en Liga (18.30 horas) desde a polémica semifinal polo ascenso á Segunda Federación de xuño do ano pasado

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga de Terceira Federación reiníciase logo da semana de parón pola disputa da fase intermedia da Copa das Rexións UEFA, con Galicia conquistando praza na final a oito coas súas actuacións no céspede da Lomba e de Baltar. Varios dos integrantes da selección de fútbol afeccionado da comunidade volven atoparse hoxe (18.30 horas) no estadio vilagarcián, só que desta volta, coma rivais nas filas do anfitrión, Arousa, e do cadro visitante, o CD Estradense.

A quinta xornada da competición regular serve de reencontro de dous equipos cunha intensa historia común nos últimos tempos. Principalmente desde que o 12 de xuño do ano pasado o cadro arlequinado superase en campo propio a súa semifinal polo ascenso á Segunda Federación cun empate a 0 con prórroga incluída, rematando con dous homes menos no campo có CD Estradense e con este último desperdiciando, nas botas de Brais Calvo, un penalti no inicio da prórroga detido por Álex Cobo.

Arousa e Estradense chegan á cita de hoxe con 7 puntos no casilleiro, pero co segundo ofrecendo mellores sensacións antes do parón. Tras caer 2-0 no partido inaugural do curso no campo do Racing Vilalbés venceu 3-1 o Barco e 0-3 o Paiosaco antes de empatar a 2 co líder, Deportivo Fabril. O adestrador do cadro vilagarcián, Luisito, situou na véspera do seu choque o Estradense entre «os 7-8 equipos poderosos que hai en Terceira ao que lle hai que ter un respecto enorme».

Luisito non pode contar hoxe con Campillo, que durante o parón sufriu unha nova lesión muscular. Ademais, Abel Suárez e Jorge Fajardo son dúbida ata o último momento por cadanseu catarro e Sylla «segue con moitísimo problemas a nivel de resistencia» física, informou o técnico.

Os xuvenís de Perú mídense ao Dépor en Abegondo

O Arousa ten hoxe un dos seus, sobre o papel, máis esixentes desprazamentos na súa primeira temporada na División de Honra Xuvenil. Desde as 12 horas, os pupilos de David López, «Perú», enfróntanse a domicilio ao RC Deportivo. Un duelo do que o técnico do conxunto arlequinado tratará de «sacar algo positivo e, se non, polo menos continuar coas sensacións que estamos tendo ata agora», declaraba onte Perú. A estratexia do técnico arousista para puntuar en Abegondo pasa por trabar a circulación do balón do Dépor polo carril central e obrigar a que as súas internadas se desvíen ás bandas, onde o Arousa ten máis opcións de defenderse mellor.