
Este xornal leva varios días facendo visible como a ría de Arousa foi unha unidade cultural, social, económica e mesmo moitas veces familiar, e como esa proximidade se fracturou nos últimos anos. A modernidade ás veces xera barreiras invisibles.
O caso é que lembrei un dos asuntos máis estraños da nosa arqueoloxía arousán. Houbo un momento no que a ribeira norte e sur da ría tomaron dinámicas históricas radicalmente distintas. Durante a Idade do Ferro, os castros de ámbalas dúas beiras comerciaban intensamente con fenicios e púnicos: eran do mesmo mundo. Pero algo misterioso pasou coa conquista romana.
Na ribeira sur, e Ulla arriba ata Pontecesures, a invasión non supuxo unha ruptura radical. Moitos vellos castros continuaron existindo e mesmo con gran actividade urbana e comercial. Importantes enclaves como o Alobre (Vilagarcía) ou A Lanzada (Sanxenxo).
As primeiras décadas rexistran mesmo a aparición dunhas curiosas illas-mercado: as Torres do Oeste (Catoira) ou o Mercado dos Mouros (Valga).
Porén, no Barbanza os castros deixan de ser habitados de raíz coa chegada dos romanos, ao final do século I a.C. E, aínda que hai algúns xacementos romanos e pouco a pouco van aparecendo máis —sobre todo en Rianxo e Boiro—, a diferenza co sur da ría é tan abismal que é como se durante os primeiros dous séculos boa parte desa xente a papara a terra. Nin sequera se rexistra un intenso aproveitamento pesqueiro para salgazón como pasa en boa parte de Galicia. Que sucedeu? Saberémolo algún día?