Un cento de mozos e mozas de toda Europa participarán en tres formacións con Arousa Moza
VILAGARCÍA DE AROUSA
Os encontros faránse no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa
15 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Un total de 116 mozos e mozas de toda Europa participarán nas tres formacións que Arousa Moza organiza dentro do programa Erasmus Plus da Unión Europea. Os encontros terán lugar no albergue xuvenil de As Sinas, en Vilanova de Arousa, cunha duración comprendida entre os oito e os dez días. Ademais do contido teórico e
práctico, o programa conta con diferentes actividades coas que os participantes poderán coñecer a realidade en Arousa, como unha visita guiada pola illa de Cortegada da man da asociación Amarcarril.
Genderless Reality, o primeiro dos cursos, comeza este mesmo mércores, 15 de marzo, coa chegada de 20 participantes, traballadores ou voluntarios no ámbito da xuventude, de España, Turquía, Romanía, Polonia, Italia e Portugal. O trío de proxectos completarase con Connect With You(th), do 16 ao 25 de abril, sobre o autocoidado e a saúde mental, con 50 participantes, e con Tolerart, sobre a arte como ferramenta para a inclusión social, do 22 ao 30 de maio e cun total de 46 participantes. Aos países participantes mencionados anteriormente súmanse tamén Suecia, Estonia, Grecia, Hungría e Macedonia do Norte nestes últimos.