Estes son os cortes ao tráfico de mañá en Vilagarcía polo inicio das festas
VILAGARCÍA DE AROUSA

Resultarán afectadas as rúas Juan Carlos I e o acceso á praza de España
10 ago 2023 . Actualizado a las 16:14 h.Os actos principais de inicio das festas de San Roque de Vilagarcía, a lectura do pregón e a ofrenda floral ao patrón, obrigan a cortar mañá pola tarde o tráfico nalgunhas rúas da cidade. A avenida Juan Carlos I e o acceso á praza de España serán as vías que se pecharán ao paso de vehículos a partir das 20.15 horas do venres 11 de agosto. Ademais, os estacionamentos das rúas polas que discorrerá a comitiva deberán quedar despexados por completo a partir das 18 horas.
A lectura do pregón dende o balcón de Ravella comezará ás 20.30 horas, polo que a policía local informa de que a avenida Juan Carlos I pecharase ao paso de vehículos a partir das 20.15 horas dende a estación de servizo de San Roque e ata a confluencia da avenida Rosalía de Castro coa rúa Colón. En cada punto de corte haberá un axente que, se as circunstancias o permiten, autorizará o acceso a garaxes aos vehículos que non precisen chegar ata a praza de Ravella, onde se congrega o público para asistir ao pregón que ofrecerá María Foscaldo (Virtudes a repunante). Os usuarios de vaos e os residentes no barrio de Os Duráns deberán dirixirse pola avenida Rosalía de Castro e posteriormente por López Ballesteros.
Unha vez rematado o pregón, a comitiva desprazarase a pé ata a praza de España para proceder á ofrenda floral, cuxo inicio está previsto para as 21 horas. O percorrido discorrerá polas zonas peonís dos xardíns de Ravella, rúa Ramón y Cajal, praza de Galicia, rúa Castelao, Xeneral Pardiñas e Covadonga para rematar ante a igrexa de Santa Baia de Arealonga, na praza de España. O acceso rodado a este último espazo cortarase minutos antes do inicio do acto dende a intersección da avenida do Doutor Tourón coas rúas Fariña Ferreño e Alejandro Cerecedo e permanecerá pechado ao tráfico ata o remate da ofrenda, segundo informa o Concello.