O Arousa abre a xornada cun partido trampa no feudo do Pontevedra B

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Os de Luisito viaxan hoxe ao completo para medirse ao penúltimo clasificado. O equipo xuvenil recibirá mañá domingo o Sporting de Gijón en Zacande

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pontevedra B e Arousa son esta tarde (Campo Municipal da Seca, 16 horas) os encargados de abrir a duodécima xornada de Liga do grupo galego da Terceira R.F.E.F. Un encontro no que o conxunto vilagarcián tentará sumar á comodidade do desprazamento, o máis curto de cantos ten no campionato, un triunfo que compense a derrota sufrida o domingo pasado no céspede da Lomba a mans dun rival directo, o Bergantiños. Cun 1-3 que estivo lonxe da diferenza entre as demostracións de intensidade ofensiva dun e doutro equipo, ata o punto de ter asinado máis ocasións claras de gol os homes de Luisito Míguez.

Pero coma no fútbol o único que importa son as veces que cada contendente consegue perforar a portería rival, o Arousa plántase hoxe ante o filial do Pontevedra con todas as precaucións. E é que o conxunto granate dista un mundo do seu equipo maior. Así, mentres o Segunda R.F.E.F. camiña con paso firme na zona nobre da táboa, postulando desde o primeiro día a súa candidatura ao ascenso, o de Terceira R.F.E.F. ocupa a penúltima praza na clasificación, con tan só 9 puntos de 33 posibles, froito de 2 vitorias, 3 empates e 6 derrotas.

Este balance non é froito da mala sorte. Detrás del figuran o terceiro peor ataque da Liga, con 8 goles en once partidos, e a segunda peor defensa, con 18 tantos encaixados polo Pontevedra B. Certo é, case un terzo deles, 5, concentrados a semana pasada no 5-0 que lle endosou a modesta S.D. Sarriana.

Rival capaz do mellor e do peor

O adestrador do Arousa, Luisito Míguez, referíase na véspera do choque desta tarde a este último golpe encaixado polo seu rival sinalando que se tratou dunha goleada en contra do máis enganosa, por canto os tres últimos tantos recibidos se concentraron no treito final do encontro.

Luisito apunta unha das máximas do fútbol en casos como o que ten hoxe entre mans: «Es un filial, y como tal, es imprevisible. Los filiales son capaces de lo mejor y de lo peor».

Con todo, o técnico arlequinado céntrase no seu, sinalando que: «Yo espero que mi equipo esté al nivel que tiene que estar y si es así haremos un gran partido». E para conseguilo, atópase en condicións idóneas. No apartado psicolóxico, di, o Arousa «está recuperado del varapalo del otro día» fronte ao Bergantiños e rearmado para reengancharse a esa liña de bos resultados que se sustanciaba nunha xeira de catro vitorias e dous empates, incluídos tres triunfos consecutivos antes de toparse co Bergantiños. Gañar hoxe resulta vital para seguir remando de cara a reducir os 4 puntos respecto á porta de entrada á zona de promoción, antesala do liderado que ao final da temporada dará un billete de ascenso directo á Segunda R.F.E.F.

No apartado de efectivos, Luisito conta co seu cadro de xogadores ao completo tras dar por recuperado a Brais Vidal, máis aló da necesidade que agora terá de ir gañando fondo competitivo logo de varias semanas de lesión.

A importancia do resultado desta tarde na Seca é se cabe inda maior, por canto será, sobre o papel, o último partido no que o Arousa parta co cartel de indiscutido favorito antes de encadear tres duelos con outros tantos rivais directos polo ascenso: coa U.D. Ourense, cuarta na táboa, e coa U.D. Somozas, segunda, en Vilagarcía, e co Alondras, terceiro, en Cangas.

Os xuvenís de Perú reciben mañá o Sporting de Gijón

O adianto do partido de Terceira R.F.E.F. entre o Arousa e o Pontevedra B non privará a afección arlequinada da posibilidade de desfrutar coas súas cores. Mañá, ás 12 no Campo Municipal de Zacande, o conxunto de División Honra Xuvenil do Arousa recibe a un dos grandes nomes da categoría: o Sporting de Gijón.

Á ascendencia do conxunto visitante súmase desta volta o plus de tratarse dun duelo entre dous contendentes separados por tan só un posto e un punto na clasificación: oitavo con 13 o Arousa e sétimo con 14 o cadro asturiano. Os dous, ademais, chegan logo de perder na xornada anterior.