O Cortegada endósalle ao GEIEG o seu segundo impago como caseiro de Girona e hoxe recibe o ADBA

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O Cortegada volve xogar hoxe, en Fontecarmoa 2, tras facelo onte en Girona
O Cortegada volve xogar hoxe, en Fontecarmoa 2, tras facelo onte en Girona Martina Miser

Ángela Coello foi a mellor do partido, secundada por Diaw no rebote e por Loven na anotación

14 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vitoria de moito mérito a asinada a primeira hora da tarde de onte polo Mariscos Antón Cortegada na cancha do GEIEG de Girona. Un triunfo por 56-64 que converte o cadro vilagarcián no segundo en conseguir derrotar o conxunto catalán na súa pista esta temporada, sumándose ao Maristas Coruña.

O encontro seguiu ao pé da letra o argumento previsto polo adestrador do Cortegada na véspera. O GEIEG tirou dunha defensa pegañenta, con moito contacto, impoñendo desde o primeiro minuto un ritmo de xogo moi alto que nun primeiro momento lles custou seguir ás de Álvaro Fernández. Con todo, o Cortegada foi quen de manterse sempre no choque, sen a penas concesións a un rival que non puido dispoñer nunca de máis ca un fato de puntos de vantaxe.

Amparado na anotación de Lauren Loven, con 26 puntos, e dunha Ángela Coello convertida en MVP da xornada con 18 puntos, 14 rebotes, 5 faltas recibidas e 26 créditos de valoración, o equipo galego agardou a súa oportunidade. E esta rematou chegando no derradeiro cuarto. Cun parcial de 0-11, as de Fernández puxéronse dez arriba a 2,28 do final, 49-59, dominando o desenlace con mestría. En gran medida, grazas ao dominio imperial que demostraron ao longo do partido na guerra polo rebote, que o Cortegada gañou por goleada: 46 capturas fronte ás 28 do seu rival catalán, con 30 entre Coello e Diaw.

«Hemos bajado al barro y sobrevivido», declaraba ao termo do duelo un visiblemente feliz Álvaro Fernández antes de amosar a súa preocupación pola resistencia física das súas pupilas de cara ao partido desta tarde en Fontecarmoa 2 co ADBA (17 horas), logo de voar onte a última hora da tarde de volta a Vilagarcía.

FICHA DO PARTIDO:

GEIEG (56): Melero (2), Pairo (7), Morente, Talasimov (11) e Vanessa González (12) —quinteto titular—; Jodar (5), Alba Coma (9), Fernández (3), Mitjanas (2), Riera (5) e Pérez. 

MARISCOS ANTÓN CORTEGADA (64): Blanca Manivesa (7), Lauren Loven (26), Stojanovska (4), Ángela Coello (18) y Absatou Diaw (4) —quinteto titular—; Benítez, Lorena Castro, Sanmartín, Irene Losada (2) e Arambarri (3). 

PARCIAIS (E MARCADOR) CADA CUARTO: 14-10, 15-16 (29-26 ao descanso); 14-14 (43-40) e 13-24 (56-64).

ÁRBITROS E PERSOAIS: Marc Alguero e Isaac García. Sinaláronlle 23 faltas ao GEIEG por 18 ao Mariscos Antón Cortegada. Eliminaron por cinco persoais a xogadora local Vanessa González e a visitante Blanca Manivesa.