O BNG presenta seis propostas para mellorar o transporte público no Salnés

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Consideran que facilitar la mobilidade debe ser un dos eixos das políticas da comarca

26 ene 2024 . Actualizado a las 16:17 h.

O BNG segue a debullar as súas propostas para a bisbarra do Salnés. Desta volta, a formación nacionalista deuse cita ás portas da estación de autobuses de Vilagarcía para falar de mobilidade na comarca ou, máis ben, da falta dela. «Ter un transporte público de calidade é fundamental, e a Xunta de Galicia leva anos facendo políticas na dirección contraria», explicou Montse Prado. E iso é algo que o BNG se compromete a mudar se chega á Xunta de Galicia.« Imos poñer en marcha un sistema de transporte que cumpra co principio de vertebrar un país coma o noso, que sexa un motor de cambio tanto ambiental, como social e económico», indicou o tamén deputado Paulo Ríos, quen considera que o PP leva anos priorizando os intereses dunha empresa, Monbus, en detrimento dun servizo ao que lle faltan frecuencias, prazas...

No caso concreto da bisbarra do Salnés, a proposta nacionalista recolle seis puntos centrais. O primeiro pasa polo compromiso de facer un estudio real das necesidades da veciñanza en materia de transporte. Un estudio que recolla as eivas que hoxendía se detectan: falta de conexión entre os concellos, falta de accesibilidade a servizos públicos como o hospital... Unha vez pormenorizadas as necesidades, o Bloque quere trazar un plan para poñer en marcha unha rede de transporte colectivo por estrada que lle permita á veciñanza desenvolver a súa vida.

A segunda medida proposta polo BNG pasa por modificar a lexislación que rexe o funcionamento do transporte escolar, facendo que este se oferte de balde ao alumnado de todos os niveis educativos (ata o de agora, está limitado ao ensino obrigatorio), e adaptando ademáis os horarios aos intereses dos centros educativos  e non das empresas de transporte. Propoñen, por outra banda, fomentar os servizos de transporte a demanda, cun sistema de taxis e microbuses que funcionen no interior dos concellos

Por último, o BNG aposta pola intermodalidade, pero por uha intermodalidade que non se limite só, din, á construción de novas infraestruturas. Aínda que no Salnés é importante a construcción da estación intermodal, fundamental resulta tamén a elaboración duns horarios que permitan un funcionamento harmónico de todos os servizos de transporte público.