O Concello pedirálles á Deputación e á Xunta unha solución a tres para A Lomba

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Carlos Coira recoñécese frustrado e confesa que toca a renovación integral do campo

12 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sabemos que a imaxe non é boa» e «estou frustrado». O concelleiro e presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira, é plenamente consciente do lamentable estado do terreo de xogo da Lomba, que o pasado domingo rematou impracticable no treito final do partido entre o Arousa e o Silva. Un problema endémico do estadio municipal de Vilagarcía de Arousa, lembra Coira, para recoñecer de seguido que é urxente unha solución. A cuestión é definir cal, como e cando poder implementala.

Onte, o Concello mandou a tres persoas a tentar recompoñer minimamente o firme da Lomba. Hoxe ten programado que sexan catro operarios os que continúen o traballo, por canto, di o concelleiro: «O campo estaba en tan mal estado, que non deu tempo nunha mañá». E, a curto prazo e á vista do feito, non semella que a cousa vaia mellorar: «Estou frustrado, porque se está a traballar no campo e non se ven resultados», comenta.

Fronte a opinión de moitos afeccionados, Carlos Coira defende que o Concello de Vilagarcía está a actuar na Lomba. «Hai tres semanas, aproveitando uns días que non choveu, fíxose un picado e abonáronse as zonas máis desgastadas» e anteriormente, engade, «a mediados de xullo a Deputación fixo un picado e un arenado, e antes do partido da Copa do Rei co Valencia —a comezos de decembro—, outro picado». Nas vindeiras dúas semanas, aproveitando que o Arousa non volverá xogar na Lomba ata o día 24, «a ver se somos quen de, se non chove, facer outro picado para que favoreza a drenaxe e, se fixera falta, un arenado», di o presidente da Fundación de Deportes.

Con todo, Carlos Coira non ten reparo en recoñecer que actuacións deste tipo non pasan de seren, no mellor dos casos, un parche: «Falando cos técnicos, a solución a curto prazo sería facer o que fixo o Celta, quitar todo o céspede e poñer outro novo, pero para nós é inviable economicamente, porque serían 150.000 euros e o que precisa o campo é unha remodelación maior». Dita solución, apunta, pasa por «levantar todo o campo, mellorar o sistema de drenaxe, cambiarlle o substrato de terra e volver prantar céspede». Una remodelación integral que Coira valora en medio millón de euros. A súa intención, tentar reunilos entre a Xunta, a Deputación e o Concello. «Antes das eleccións municipais pedíraselle á Xunta a colaboración para isto, pero non houbo resposta. Imos probar de novo e, agora, contactar tamén coa Deputación», sinala o concelleiro, recoñecendo que, inda tendo éxito as súas xestións, a solución integral dificilmente chegaría a tempo para a vindeira temporada.

Críticas do Partido Popular

O grupo municipal do PP, a través da súa voceira, Ana Granja, cargou onte contra o Concello pola situación da Lomba: «La imagen de Vilagarcía queda dañada tras cada partido del Arousa. La falta de preocupación del gobierno local es una falta de respeto hacia nuestro club y hacia los aficionados». Por todo o anterior, conclúe: «Exigimos que se tomen medidas de inmediato para que el Arousa pueda disputar sus partidos con normalidad y seguridad», lembrando que o PP xa presentara no 2021 unha moción na mesma liña.

A calamitosa situación do terreo de xogo pon en perigo un partido do Dépor e outro do Celta en Vilagarcía 

O presidente do Arousa, Manolo Abalo, coincidía onte co responsable da Fundación de Deportes, Carlos Coira, en que «despois de 25 anos, o campo o que necesita é levantalo, sacarlle toda a parte de arriba e limpar as drenaxes. Tarde ou cedo, haberá que facelo». Consciente do custe e de que unha actuación así non se contempla a curto prazo, Abalo confía na palabra recibida do goberno local, que lle trasladou ao Arousa que «o Concello está polo labor de mellorar a situación da Lomba».

Para o primeiro directivo do club arlequinado, o pésimo estado do terreo de xogo é a consecuencia de non facer ben as cousas: «O campo leva catro ou cinco anos sen que se lle faga un bo recebado de area. Se se fixeran ben as cousas no verán», di Abalo, non se chegaría a este punto, se ben concede que a dureza meteorolóxica deste inverno está castigando excesivamente o terreo de xogo.

O que lle urxe o Arousa a Ravella é unha solución que garanta a recuperación da Lomba de aquí ao verán. E é que entón, desvela Abalo, rematará o compromiso do Deportivo co Arousa de xogar un amigable en Vilagarcía en compensación pola fichaxe de dous canteranos, que só se xogará se o campo está en bo estado. Condición fixada tamén polo Celta no seu convenio co Arousa para xogar un partido na Lomba no verán.