A falta de competitividade ante os rivais directos xera dúbidas arredor do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Santi M. Amil

O equipo empeorou na segunda volta os seus números ante o resto dos conxuntos do primeiro terzo da táboa a un mes de comezar a pelexar o ascenso vía promoción

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o domingo á tarde o Arousa ao estadio do Couto coa moral polas nubes tras tres vitorias nos seus catro anteriores partidos e un empate sen goles no campo do líder e inminente novo equipo de Segunda R.F.E.F., o Bergantiños. Pero a U.D. Ourense aplacou o fervor nas filas arlequinadas cun 4-1 que reflicte un auténtico repaso dos homes que dirixe Borja Fernández, espindo a un rival que en cada nova ocasión que ten volve amosar a súa falta de competitividade cando lle toca enfrontarse a adversarios da zona nobre da clasificación coma el. Un resultado que fixo relativizar as tres vitorias nas catro anteriores xornadas coas que o conxunto de Luisito Míguez se presentara na cidade das Burgas ao recordar o nivel dos derrotados a mans do cadro vilagarcián: Betanzos (1-2), Paiosaco-Hierros (0-3) e Pontevedra B (3-0), tres dos catro últimos na táboa do grupo galego da Tercera R.E.F.F.

O freo en seco sufrido polo Arousa a mans da U.D. Ourense é, con todo, só o último episodio dunha traxectoria que explica esa terceira posición na que se atopa e lonxe inda de poder dar por segura cando só faltan xa catro xornadas para a conclusión da Liga. Porque se ben o adestrador do equipo vilagarcián defende desde o outono que o Arousa quedou fóra da pelexa polo título polo lastre do seu mal primeiro mes, no que só foi quen de sumar 2 dos 12 puntos en xogo, o avance do calendario destapou outra razón que aparenta moito maior peso: a falta de competitividade dos de Luisito ante os seus rivais directos.

En espera de completar a roda na penúltima xornada recibindo o Atlético Arteixo, o Arousa xa empeorou pase o que pase nese encontro os seus números fronte ao resto de equipos do terzo superior da clasificación respecto á primeira volta. Nos cinco primeiros meses de campionato, os de Luisito empataron sen goles na Lomba co Gran Peña Celta C, derrotaron a domicilio á Sarriana (0-3), hoxe sexta debendo sumar 7 puntos máis có Arousa para desbancalo da promoción de ascenso nas catro derradeiras xornadas, caeu en Vilagarcía co Bergantiños (1-3), venceu na Lomba a U.D. Ourense (1-0) e repartírase os puntos en Arteixo (1-1). Desde febreiro, o Arousa perdeu co Gran Peña (3-0), coa Sarriana (0-1) e coa U.D. Ourense (4-1), co seu empate sen goles no campo do Bergantiños coma única nota feliz.

Así as cousas, o balance ante os seus rivais directos fala de dúas únicas vitorias, ambas na primeira volta da Liga, tres empates e catro derrotas. Unha bagaxe nada edificante e sen dúbida do máis preocupante. Dando por feito que o Arousa estará na promoción, deberá probarse superior a dous dos cinco rivais apuntados en cadansúa eliminatoria a dobre volta para poder aspirar ao ascenso ante un terceiro equipo, non galego.

Campaña para traer xente á Lomba

A directiva do Arousa emitiu onte un comunicado manifestando o seu «agradecemento á afección e a todas as persoas que durante toda a tempada, e especialmente o domingo en Ourense, estiveron ao carón do equipo». Unha declaración coa que precedeu o seu anuncio dunha campaña para tentar atraer de volta aos varios centos de seareiros que nas dúas últimas temporadas, pero especialmente esta, deixaron de acudir á Lomba desencantados coa traxectoria e co xogo do equipo. Consciente de que xa só quedan catro partidos de Liga, os responsables do club acordaron entregarlle a cada socio que o solicite unha invitación para que un acompañante poida entrar gratis con el ao partido deste domingo fronte ao Alondras. Os menores de 15 anos tamén poderán entrar sen pagar. O único requisito en ambos os dous casos é retirar a correspondente invitación no club, de 10 a 13 horas ou de 17 a 21 ata o venres, inclusive.