O investigador Xosé Xerardo Pereiro gaña o Premio Xesús Ferro Couselo cun traballo sobre a identidade galega
VILAGARCÍA DE AROUSA
O certame, que trata de incentivar os estudos de investigación, cumpre 25 anos
30 jul 2024 . Actualizado a las 16:27 h.Coincidindo co 118 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo este martes, 30 de xullo, deuse a coñecer o fallo da 25.ª edición do premio que leva o seu nome. O investigador Xosé Xerardo Pereiro Pérez (Villa Real - Portugal) é o gañador da primeira modalidade, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.
Galiza S. A. foi o lema baixo o que concorreu o certame, co ensaio titulado Antropoloxía dos discursos sobre as identidades galegas. No traballo, que será publicado polo Concello, Pereiro analiza os «discursos, relatos, representacións e interpretacións eruditas, intelectuais e populares sobre a identidade galega», atendendo a factores coma a instrumentalización da cuestión identitaria, a súa mercantilización ou a influencia da globalización. «Quen somos, como nos vemos, como somos vistos, como nos representan e representamos, pero tamén cales poden ser os futuribles da identidade colectiva galega nun mundo global como o de hoxe», son cuestións salientadas polo autor do estudo. O xurado destaca do seu traballo que se aparta das análises antropolóxicas tradicionais ao incorporar novas perspectivas e metodoloxías novidosas.
Xerardo Pereiro é doutor europeo en Antropoloxía Sociocultural pola Universidade de Santiago de Compostela, agregado en Antropoloxía polo Instituto Superior de Ciências do Trabalho e da Empresa de Lisboa e tamén doutor internacional en turismo pola Universidade de La Laguna (Tenerife). Na actualidade é profesor titular de Antropoloxía en la Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Entre os premios e distincións que ten recibido destacan o Premio Vicente Risco de Antropología e Ciencias Sociais no 1994 ou o premio FITUR 2007 de investigación turística, finalista do premio Ángel Carril 2010 de Antropoloxía, e premio Gabriel Escarrer-Sol-Meliá 2011 de estudos turísticos.
Bolsa de estudos valorada en 3.000 euros
En canto á segunda modalidade do premio, o gañador da bolsa de estudos por valor de 3.000 euros foi Gael Uxío Proupín Cantelar, natural de Brión e residente en Santiago. A temática da súa proposta é Valga na autarquía: día a día dun concello fronte a un modelo económico imposto. Gael Proupín pretende levar a cabo unha investigación sobre as repercusións que tivo no concello a implantación, tras a Guerra Civil, do sistema económico da autarquía, baseado na autosuficiencia e no control, por parte do Estado, da produción, o prezo e o abastecemento dos produtos.
O funcionamento de institucións como a Junta Agrícola Local de Valga ou a Delegación de Abastecimientos do concello, as estratexias dos labregos retientes á entrega forzosa de cotas ou o fenómeno do mercado negro son algunhas das cuestións que abordará este estudo.
O xurado do premio Ferro Couselo estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Reuníronse onte de xeito telemático para deliberar sobre os oito traballos presentados ao certame: seis á primeira modalidade e dous na segunda. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e dous técnicos municipais: Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que exerceu de secretaria.