«No teatro da Vikinga unha señora de 80 anos colabora con nenos e adolescentes»

Raquel Cocaño, S.G.

VILAGARCÍA DE AROUSA

Mónica Irago

Teresa Rodríguez, directora da Escola Municipal de Teatro de Catoira, é a encargada de liderar a obra vikinga deste ano

31 jul 2024 . Actualizado a las 20:19 h.

O pasado sábado, 27 de agosto, deu inicio a Romaría Vikinga de Catoira, cun cartel no que se anunciaron diversas actividades. Entre elas, algunhas coñecidas polos veciños e que se celebran ano tras ano -como pode ser a obra de teatro vikinga- e outras que se presentaron como novidades -o caso de eventos deportivos ou exposicións-. Prolongándose ata o día 5, as actividades están pensadas para relacionar a historia milenaria cos habitantes de Catoira. Un obxectivo que a directora da Escola Municipal de Teatro do concello comparte coa festa: «O proxecto trata de poñer en contacto a Escola Municipal de teatro coa cidadanía».

Ese intento de conectar cidadanía e teatro farase, nesta ocasión, a través dun texto que «fala da necesidade dos seres humanos de ser donos do noso destino e das batallas que ás veces lidamos, contra nós mesmos ou contra a sociedade. En definitiva, contra o que se espera de nós», asegura Teresa. Empregando a batalla vikinga coma un contexto, sesenta persoas forman parte da iniciativa da directora galega por consolidar unha obra de creación propia cun claro propósito integrador e interxeracional: «Trata de ser integradora en canto a idades e discapacidade, tamén», fala Rodríguez.

Tras uns meses de preparación -nos que se foron establecendo a temática e os subtemas da trama-, a directora foise dando de conta do emocionante que é poder combinar idades cun resultado óptimo: «A min emocióname, poñamos por caso, que haxa unha señora de 80 anos con adolescentes e nenos e todos traballando á par».

Pero eses propósitos de integración e comunicación coa cidadanía non son os únicos obxectivos da escola: o traballo etnográfico, a representación de labores agrícolas ou de escritores galegos vinculados á terra de Catoira ou próximas-como é o caso de Faustino Rey Romero, de Rianxo- preséntanse como sorpresas ou curiosidades que se poderán atopar ao longo da función que terá lugar hoxe, mañá e o venres, 2 de agosto, ás 22.30 horas os dous primeiros días e ás 23 o último.