962.000 euros para a mellora da mobilidade peonil entre Baión e András

Raquel Cocaño, B.C. VILANOVA DE AROUSA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Deputacion

Luis López asina co alcalde de Vilanova un convenio para investir 770.000 euros para a construción da senda

06 ago 2024 . Actualizado a las 19:16 h.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este martes, xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o convenio de colaboración entre as dúas administracións para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 coa construción dunha senda peonil entre as localidades de Baión e András. Un proxecto que conta cun orzamento total de 962.000 euros, dos que o ente provincial achega o 80 %, uns 770.000 euros; mentres que o Concello corre co 20 % restante, 192.000 euros, así como cos gastos das expropiacións dos terreos que ascenden a 19.200 euros. «É un día importante porque vimos cumprir un compromiso co Concello de Vilanova», afirmou o presidente Luis López.

Ambas as administracións traballan nun proxecto para mellorar a mobilidade peonil en toda a estrada EP-9701 entre Baión e András. Pero o acordo asinado este martes céntrase na primeira fase do plan, que consiste nunha intervención para mellorar un treito de 560 metros que podrá fin aos problemas de seguridade viaria nunha estrada na que os peóns comparten espazo cun denso tráfico de vehículos a motor. Unhas deficiencias que se arranxarán coa construción desta senda peonil. O seguinte paso da tramitación será a adxudicación do contrato para poder comezar os traballos. «Imos seguir traballando para seguir cumprindo cos compromisos e para ir desenvolvendo as diferentes fases do proxecto cada ano», engadiu López.

A sinatura deste convenio, que ten vixencia ata o 31 de decembro do 2025, é «unha nova mostra do municipalismo que rexe a acción do goberno provincial». Neste sentido, o rexedor de Vilanova de Arousa quixo poñer en valor «o goberno de Luis López está cumprindo co prometido». Mentres que pola súa banda, o presidente provincial destacou a colaboración entre as súas administracións. Ambos os dous dirixentes destacaron a importancia de retomar unha obra que quedou paralizada durante oito anos e o actual executivo provincial retomou para «que a parroquia de Baión teña a estrada que merece».