A semana de cine de Ádega, unha xoia que cada verán brila máis

VILAGARCÍA DE AROUSA

O cineclub de Vilagarcía mobilizou coa súa programación a arredor de 1.300 persoas
18 ago 2024 . Actualizado a las 11:39 h.A semana de cine que cada verán organiza Ádega en Vilagarcía é un deses eventos nos que se nota o amor. So sobre o cariño —ao cinema e á vila— pode construírse un evento que deixa extenuada á organización, cuxos integrantes se atopan agora en pleno proceso de recuperación de forzas. «Acabamos esgotados, pero logo volvemos emocionarnos», confesa Xabier Marqués, un dos membros da directiva do cineclub vilagarcián. Marqués recalca que organización da semana de cine é unha cousa «completamente amateur», o resultado da vontade dun puñado de afeccionados ao cinema que empregan o seu tempo libre e uns recursos máis que limitados para intentar achegar ao público a sétima arte. «E nese sentido, a resposta que temos da xente é magnífica, mellor imposible», sinala despois de cerrar unha programación que foi gozada por cerca de 1.300 persoas. Certo é que «nós intentamos coidar moito a programación e que sexa moi variada; xa o facemos durante a nosa programación regular de todo o ano, e máis aínda na semana de cine. Unha semana de cine non é so para catro entendidos, todo o mundo ten o seu sitio».
Cando Marqués fala de variedade, apunta en varias direccións. Por unha banda, búscase a diversidade nas películas que se van exhibir. Ten que haber algo para todo o mundo, mesmo para a xente «á que lle vai a marcha. Este ano, por exemplo, apostamos polo documental Stop Making Sense, un documental sobre o grupo Talking Heads, que sorprendeu, e moito, ao público que asistiu á proxección e que, en moitos casos, nin coñecían ao grupo». A proxección de C'è ancora domani propiciou outro dos momentos máxicos desta semana de cine: malia ter sido un éxito rotundo no seu pais, a película era unha gran descoñecida en España. «E a xente saíu encantada», conta Marqués.
Hai variedade no menú cinematográfico e hai variedade tamén, nos espazos que Ádega explora para as súas proxeccións. O de ver películas na praia xa é toda unha marca da casa, igual que comeza a selo, tamén, o parque do Castriño. Illa de Cans e Bitelchús foron as historias que se despregaron nuns lugares que son emblema de Vilagarcía e da súa semana de cine. «O cine hai que sacalo ás veces das salas. Ao fin e ao cabo, o ambiente contribúe a un goce moito máis vitalista», din dende a organización.
As proxeccións ao aire libre romperon con todas as previsións de asistencia. O mesmo ocorreu coa proxección de O home mosca, unha comedia de Harold Lloyd, un clásico do cine mudo que se amosou ao público acompañado pola música de Fuzzo no que é outra das citas clásicas da semana de cine. «Temos moi boa relación con Fuzzo. Eles romperon os esquemas da música que tradicionalmente acompaña ás películas. Fan funky, música electrónica, jazz... A xente máis nova sorpréndese ao ver como encaixa unha película tan antiga cunha música tan moderna». Neste caso tratábase dunha comedia. «Había xente de corenta, de cincuenta anos, rindo. Ao principio, o cine tiña que ser algo así. Para nós esa experiencia foi impagable», sinala Marqués.
Durante a semana de cine, a programación salta fóra da pantalla. Este ano, máis ca nunca. Houbo presentacións de libros, obradoiros para a rapazada, conferencias e mesmo a gravación, en directo, do podcast O gafapasta plasta, unha das canles de comunicación das que se ten dotado a xente do cineclub. Nestes momentos, a organización ten arredor de 130 persoas asociadas. É dicir, 130 amantes do cine que buscan un tipo de películas que non é doado atopar nos circuítos comerciais. «Vilagarcía non é como Santiago, como Vigo, onde hai cines que ofrecen un tipo de películas menos estilo Hollywood, menos mainstream. Aquí nos suplimos esa carencia», explica Xabier Marqués. Na programación regular, aberta a todo o mundo, «somos máis cineclubistas», aínda que fuxindo dese concepto vello e desfasado que entende estes foros como clubs para minorías: «Nós temos claro que nin todo o cine norteamericano é o demo, nin todas as películas búlgaras sen subtítulo son o máis», recalcan. «E sobre todo temos claro que hai un montón de películas de moitos lugares que merecen atención» e a oportunidade de ser descubertas polo público.
A xente de Ádega fai ese traballo de «cultura de inverno» por devoción, como todo o demais. Por que non lles sobran medios nin materiais, nin humanos. «Nós estamos moi agradecidos ao Concello porque grazas a el puidemos empezar de novo a nosa andaina. Cedéronnos o Salón García —non nos poderíamos permitir ter que alugar un espazo así—, comprouse unha pantalla, os traballadores teñen un trato excelente con nós... O que pasa e que, ás veces, parece que é un favor, cando isto forma parte das obrigas dun concello».