O Combate Naval trasládase ao domingo 25 ante as malas previsións meteorolóxicas
VILAGARCÍA DE AROUSA
O inicio do espectáculo está previsto para as 23.30 horas, mentres que o desfile de carrozas dará comezo ás 21 horas
22 ago 2024 . Actualizado a las 13:31 h.As malas previsións meteorolóxicas para o vindeiro sábado levaron á concellería de Cultura e á empresa Penide a trasladar para o domingo, 25 de agosto, o esperado Combate Naval, o festival pirotécnico que tradicionalmente anuncia o fin das festas de San Roque. Segundo todas as predicións, na noite do sábado, momento previsto para o combate, non choverá. A causa do traslado ten que ver coa montaxe, que precisa ao menos 24 horas de tempo seco e iso non está garantido, xa que pode haber choiva pola mañá. Non é a primeira vez que o Combate Naval ten que ser aprazado ou mesmo suspendido polo mal tempo, nin tampouco que se celebra en domingo.
Con todo, e tendo en conta que o luns é laborable, concellería e empresa decidiron adiantar media hora o inicio da exhibición pirotécnica. Será, pois, ás 23.30 horas e non ás 00.00 horas. Como consecuencia, tamén o desfile de carrozas pasa das 21.30 horas ás 21.00 horas. Hai que ter en conta, neste sentido, que a Policía Local e o Servizo de Emerxencias teñen moi pouco tempo para pasar dun operativo a outro, e que en ambos participan miles de persoas.
O resto do programa continúa igual. É dicir, o sábado haberá diversas actuacións dentro da mostra Festaclown e ás 00.30 horas, na avenida da Mariña, comezará o concerto tributo Remember Queen.
Tendo en conta os cambios, dende Cultura advírtese aos pais e titores dos nenos xa inscritos para ir nas carrozas que deberán estar na praza da estación ás 20.30 horas, é dicir, 30 minutos antes do previsto inicialmente.