Mondra, Catuxa Salom e Fillas de Cassadra, nos concertos a bordo do Revenidas 

R.C. / R.E. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VIFER

O festival, que se desenvolverá en Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro, contará tamén coa clásica gala de circo solidario e coa popular sardiñada

30 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) dende o xoves 12 ata o domingo 15 de setembro, pecha o groso da súa programación co anuncio dos concertos a bordo, a gala de circo solidario e o horario de actuacións musicais, que se pode consultar nas redes sociais e na web do festival dende o mediodía de onte.

Unha das tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle o Revenidas en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra é a celebración dos concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de doce persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa.

O sábado 14 haberá concertos de Mondra (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 horas), Lontreira (ás 15 horas) e Catuxa Salom (ás 17 horas). Os concertos a bordo do domingo 15 correrán por conta de Monoulious Dop (ás 13 horas), Sés (ás 15 horas) e Fillas de Cassandra (ás 17 horas).

O prezo das entradas para a aposta a bordo é de 30 euros (máis os gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía. A venda de entradas para estes concertos ábrese ás 12 horas deste sábado, 31 de agosto.

Outra das actividades emblemáticas do festival Revenidas é a celebración, o domingo 15 de setembro, da gala solidaria de Circo. A deste ano dará comezo ás 17.30 horas e estará envorcada en solidariedade co pobo palestino. A entrada é de balde.

A gala acollerá unha sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega dos espectáculos de rúa. É o caso, por exemplo, de Peter Punk, todo un clásico deste evento; da actriz e narradora compostelá Cris Collazo; de N+1, o proxecto persoal do clown Alfredo Pérez Muíño; da actriz, trapecista e bailarina coruñesa Sue Moreno; do Mago Noel, que presentará o seu espectáculo Que curioso!; e do dúo Jack Jhonson e Jhon Jackson, formado polo artista circense David Varona e o músico e malabarista Jonathan Valencia.

Sempre se conta, como afirman desde a organización, que o festival Revenidas naceu a partir da sardiñada popular que cada ano se celebraba en Vilaxoán. A desta edición terá lugar o domingo, 15 de setembro, no parque de dona Concha e con entrada libre, como todas as actividades desa xornada. A partir das 13.30 horas poderanse degustar as sardiñas.

As actividades do domingo completaránse coas actuacións de Os Terribles de Arousa (ás 12 horas), Uxía Lambona e A Banda Molona (ás 13 horas), Mekanika Rolling Band (ás 15.30 horas) e xa pola tarde, Caamaño & Ameixeiras (ás 19.45 horas) e De Ninghures (ás 21 horas), que porán o broche final.