Arousa Moza organiza unha carreira e unha andaina solidarias para recadar fondos para Ucraína

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

A dobre cita deportiva faráse este sábado e a inscrición estará aberta ata o xoves

17 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Arousa Moza e o Concello de Vilagarcía veñen de aunar as súas forzas para tentar converter este vindeiro sábado, día 21, a capital arousá nun referente de solidariedade para co pobo de Ucraína. A forma escollida pola entidade social foi a organización dun dous por cunha andaina e cunha carreira.

A primeira das actividades comezará o sábado ás catro e media da tarde. Na explanada baixo o Auditorio, as persoas que se inscriban na actividade iniciarán unha camiñata de nivel baixo de dificultade que as levará ata o faro de Carril e, de aí, ao do porto de Vilaxoán, para volver ao punto de partida. Para participar na actividade os seus responsables pídenlles 8 euros aos adultos e 6 aos menores de 14 anos en concepto de solidariedade con Ucraína, que irán destinados, explicou Borja Santamaría, de Arousa Moza, «fundamentalmente par a compra de próteses e de audífonos para persoas feridas en Ucraína polos efectos da guerra iniciada por Rusia hai xa dous anos e medio.

Ás oito da tarde comezarán as carreiras, nun circuíto de mil metros con saída e chegada tamén na explanada aos pés do Auditorio e percorrido pola zona portuaria. Haberá catro saídas, a dos sub 10, cunha volta ao percorrido, a dos sub 12 e sub 14, con dúas, a dos sub 16 e sub 18, con tres, e a dos corredores de categoría absoluta, que correrán dez mil metros. Haberá cronometraxe profesional, da man da firma Emesports.

No caso das carreiras, o prezo da participación é de 12 euros e de 6 para os menores de 14 anos, que irán destinados ao mesmo fin cos fondos recadados coa andaina. A inscrición en calquera das dúas modalidades estará aberta ata este xoves ás 23.59 horas na páxina web de emesports, onde tamén se poderán facer doazóns inda sen participar nin na andaina nin na carreira. A iniciativa, explican desde Arousa Moza, forma parte do proxecto europeo Futuro sereno en colaboración coa Asociación Galega de Apoio a Ucraína.