Arousa xerou o ano pasado 341 toneladas de aceite industrial usado, un 12,4 por cento do total da provincia
![Pablo Penedo Vázquez](https://img.lavdg.com/sc/e0x1r55z20hoKh-0KynX5YLKJuk=/75x75/perfiles/187/1623079114415_thumb.jpg)
VILAGARCÍA DE AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/A2FC45o082OuJaP3a_MMVsYV4gU=/480x/2024/09/25/00121727285461631653846/Foto/AS26C6F1_193019.jpg)
Sigaus, a entidade sen ánimo de lucro constituída polos fabricantes para a recuperación do lubricante, recolleu e reciclou no 2023 o refugallo de 200 produtores da comarca
26 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os once concellos da banda sur de Arousa xeraron durante o ano pasado un total de 341 toneladas de aceite industrial usado. O dato proporciónao Sigaus, a entidade privada sen ánimo de lucro constituída no 2007 polos grandes fabricantes do sector en España como instrumento para cumprir coa lei que os converteu desde ese ano nos responsables da recollida e do tratamento do seu produto. Un mandado que obriga a recuperar o cento por cento dun refugallo altamente contaminante, ben novamente coma aceite, ben coma combustible.
O uso do lubricante concentrouse en cinco concellos, con Vilagarcía, loxicamente, á cabeza con 116 toneladas recollidas e tratadas por Sigaus tras o seu uso no funcionamento de motores de vehículos e de maquinaria industrial. A suma do volume recollido na capital arousá para a súa posterior reciclaxe, do de Cambados, 55 toneladas, de Valga, 41, de Meis, 30, e do Grove, 27, acada as 269 toneladas, isto é o 78,9 % do total da comarca. Nos casos de Valga e de Meis, os seus datos serven de indicador do maior peso da actividade industrial en cadanseu tecidos produtivos, en contraste coas 9 toneladas de aceite industrial bruto recollido en Catoira ao longo do 2023, das 7 en Pontecesures ou das 5 na Illa de Arousa. En Ribadumia foron 20, polas 17 de Vilanova de Arousa e as 14 de Meaño.
As 341 toneladas totais dos concellos da comarca supoñen o 12,4 % das 2.744 contabilizadas na provincia de Pontevedra por Sigaus no seu circuíto de recuperación e reciclaxe para a súa reutilización. No conxunto de Galicia, falamos do 3,6 % dun volume que acadou as 9.370 toneladas na comunidade.
As fábricas e os talleres mecánicos son, explica Alberto Carmona desde o departamento de comunicación de Sigaus, os principais produtores de aceite industrial usado. Con todo, calquera usuario de maquinaria que precise deste tipo de lubricante figura no circuíto de recollida de Sigaus. En Arousa, no 2023 foron 200 os produtores de aceite industrial usado, que os entregaron na porta dos seus respectivos negocios ou instalacións aos camións de transporte que traballan para Sigaus.
E é que, ao igual que no posterior tratamento dos residuos, a entidade sen ánimo de lucro deixa a materialización do seu sistema de recuperación en mans de terceiros, abonando os servizos cos 5 céntimos por litro de aceite industrial usado que pagan os fabricantes do sector con tal fin. Un diñeiro que destinan ao funcionamento do circuíto de recuperación e que se suma aos ingresos polo produto reciclado tras ser sometido o aceite ben a un proceso de rexeneración para volver usarse coma lubricante —un 79 % do recollido o ano pasado no conxunto de España—, ben tras a súa conversión en combustible industrial —fuelóleo— cando non é posible o primeiro.
Volume do ano 2023
Concello Produtores Toneladas*
- A Illa de A. 3 5
- Cambados 38 55
- Catoira 8 9
- Meaño 12 14
- Meis 15 30
- O Grove 16 27
- Pontecesures 6 7
- Ribadumia 21 20
- Valga 11 41
- Vilagarcía 55 116
- Vilanova 15 17
TOTAL: 200 341
* Peso do aceite industrial usado bruto recollido e reciclado por Sigaus.