O Arousa inicia o, sobre o papel, treito máis benévolo da primeira volta

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O duelo hoxe co Arteixo é o primeiro de seis con rivais modestos. Os xuvenís de Perú reciben no Manuel Jiménez o Real Oviedo

26 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de terse medido á metade dos oito primeiros clasificados nas sete primeiras xornadas de Liga, o Arousa de Míchel Alonso encara desde hoxe o, sobre o papel, treito máis benévolo do seu calendario de competición na primeira volta. Un bloque de seis partidos que arrinca coa súa visita esta tarde (Ponte dos Brozos, 18 horas) ao Atlético Arteixo, décimo sexto e antepenúltimo clasificado do grupo galego da Tercera RFEF con tan só 4 puntos dos 21 disputados ata hoxe. Certo é, cos seus mellores resultados precedendo a súa derrota, 3-2, a semana pasada no campo do Barbadás, cun vitorioso 3-1 a costa do pechacancelas, Betanzos, e cun empate sen goles no Couto ante a potente UD Ourense. 

Tras visitar o Atlético Arteixo, partido para o que o adestrador arlequinado conta con todos os seus efectivos agás o mancado de longa duración Felipe Peredo, o Arousa encadeará a vindeira semana outro desprazamento, desta volta ao campo do Barbadás, décimo terceiro. A partir de aí, choque cun CD Valladares de volta á Tercera RFEF, na que avanza noveno, derbi no Novo San Pedro cun Vilalonga penúltimo, duelo co CD Boiro, décimo, en Vilagarcía, e paso por Somozas, décimo quinto.

En Arteixo, o cadro arousista aspira a ampliar a xeira de resultados cos que empezou a compensar o seu pésimo pleno de derrotas nas tres primeiras xornadas de competición. Desde entón, tres triunfos e unha igualada, o pasado domingo sen goles, cunha UD Ourense coa que empatou en nome e na decepcionante imaxe que ambos os dous teóricos mellores cadros de futbolistas da Liga ofreceron ante o máis dun milleiro de seareiros presentes nas gradas do estadio municipal da Lomba.

Os xuvenís, ante o Real Oviedo

Tamén xoga hoxe o primeiro equipo xuvenil do Arousa. Faino redondeando o seu esixente inicio de calendario, recibindo ás catro da tarde no céspede artificial do Campo Municipal Manuel Jiménez o Real Oviedo. O conxunto asturiano é quinto do Grupo 1 da División de Honor Juvenil con 15 puntos, polos 6 do Arousa.