Superstición da lotería

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ricardo Rubio

24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Paguei onte o meu décimo. Se non pagas antes, non toca. Esta é outra das moitas fantasías arredor do sorteo do 22 de decembro, véspera do Nadal e dos Santos Inocentes, coitadiños de nós. Este ano o día cadra en domingo. Disque o domingo non é un bo día para os xogadores, e aínda sería peor se cadrase en 7, que afortunadamente non é o caso. Arredor de 203 millóns de euros xogamos os galegos nesta lotería de Nadal, que sen dúbida é a máis supersticiosa de todas. Non xogamos en todo o ano, pero xogamos nesta, mesmo por riba da media española: 75,46 euros por cabeza contra 71,67 euros de media do Estado. Que quere dicir isto? Nada. Pero as cifras están aí, teimudas todos os anos.

Eu teño unha experiencia de infancia. Ao día seguinte do sorteo, o noso pai poñíanos na mesa da cociña a meu irmán e mais a min a cantar números das participacións mentres el repasaba os resultados no xornal. Eran participacións pequeniñas, de unha peseta ou cinco pesetas: Gasosas Demetrio, Ultramarinos Calvete, Carbóns Carrascal, o Pontevedriña C.F.... cousas así. E nada. Ao final, o meu pai cerraba o periódico, con todos os números vistos enriba da mesa, ollaba para nós e exclamaba: «Esta é a lotería», e mais engadía: «O importante é ter saúde e estar xuntos». Así todos os anos.

Dende a adolescencia teño un número na cabeza. Non o vou dicir porque díxeno unha vez, publiqueino no xornal, o noso amigo Vituco Leirachá, que xa non está connosco, encargouno nun quiosco da Coruña, esgotouse nuns días, porque chantaron unha copia do artigo no escaparate, e tampouco tocou. Nin esa nin noutras. Todos os días, cando poñen os resultados dos sorteos na televisión, miro a ver se sae o tal número. Nunca saíu, e van case 50 anos dende entón. Como dicía o meu pai: «Esta é a lotería». «E se un día sae?», preguntan os amigos. Pois para iso tamén hai resposta: «Non estaba para min».

Non xogo nunca. A nada. Pero para ese día 22 merco todos os anos un número cos amigos, sempre cos mesmos amigos, porque se toca algo gustaríame compartilo con eles. Pero non toca. E aquí seguimos, con saúde e todos xuntos. Hai quen se para nos escaparates, na barra do bar, no supermercado, a mercar o seu anaquiño de sorte, e volve para a casa cheo de décimos e participacións. Sei dalgún caso que mesmo llo leva a santa Rita de Vilagarcía, que é a avogada dos imposibles, ou a santo Antón, avogado das cousas (e das causas) perdidas. Se o gasto medio en Galicia é de 75,5 euros por cabeza, como di a Sociedade Estatal de Loterías, e a día de hoxe a nosa poboación é de 2.707.000 galegos e galegas, saen as contas: 204,4 millóns de investimento xeral, como dixemos máis arriba. Ben sabemos que con ese diñeiro poderiamos facer moitas cousas. Pero e se toca?