O Arousa agarda a un Gran Peña perigoso que visita A Lomba coa confianza dos deberes feitos na clasificación
VILAGARCÍA DE AROUSA
O Arousa é un dos dez equipos do grupo galego da Tercera RFEF que aproveitou a festividade da Constitución para adiantar ao día de hoxe o seu encontro da décimo cuarta xornada de Liga. No seu caso, disputando o seu primeiro partido na Lomba desde o 10 de novembro, logo do adiamento do duelo co Boiro, reprogramado para o 4 de xaneiro por un temporal. Hoxe, desde as cinco da tarde, o rival é o Gran Peña. Un equipo que tras rematar subcampión da Liga o curso anterior, deixou de ser o segundo filial do Celta de Vigo, vivindo no verán unha moi difícil reconstrución que o obrigou a tirar de futbolistas moi novos semellando abocalo a pelexar con sufrimento pola permanencia. Lonxe diso, chega hoxe á Lomba consolidado na zona media-alta da clasificación, sétimo con 20 puntos, tan só 5 menos co seu anfitrión.
«É un equipo con bos xogadores, ben organizado e que ten 20 puntos, que son moitos puntos. Vai vir con confianza e sen presión na clasificación, o cal o fai máis perigoso», declarou onte o adestrador do Arousa.
José Rivera é un dos tres futbolistas do conxunto vilagarcián que, como Álex Vila e Samu Santos, militou a temporada pasada nas filas do Gran Peña. Daquel vestiario no segundo filial do Celta só quedan un par de xogadores, comenta Rivera recordando que «se creó una relación especial y muy bonita entre nosotros y el presidente», que tamén continúa á fronte do club vigués. E inda que non coñece practicamente a ningún dos deportistas do actual Gran Peña, o dianteiro arlequinado sostén que a palabra sorpresa deixou de ter vixencia tras as primeiras xornadas da competición. Hoxe ao Arousa, engade, tócalle estar moi atento ás perdas de balón, sinalando o fútbol de transición como o maior perigo do rival.
Cunha xeira de resultados como a que acumula o Arousa, poderíase temer que o conxunto vilagarcián poida caer na tentación dun exceso de confianza. Para nada, coinciden en dicir tanto Míchel Alonso coma José Rivera. «Non o vai haber. Estamos mentalizados de que temos que seguir, que inda non fixemos nada. Estamos ben, pero iso non nos vai levar a relaxarnos», sinalou o adestrador. «Hay equipo para ganar cada semana, pero sabemos que el día de perder va a llegar. Sabemos que no podemos relajarnos, porque ya pasamos una mala racha» e o equipo non quere volver sufrir algo así, salienta o dianteiro vilagarcián.
Alonso e Rivera comparten eloxios á afección do Arousa. «A sensación é que somos todos á unha. Sobre todo nos malos momentos. Estamos todos os estamentos do club moi unidos e iso só nos pode levar a lago bo», conta o primeiro. «La afición nos da una ayuda grande. Somos una plantilla con gente de aquí, gente joven y esto acompañado de buenos resultados conecta con la gente».