O Mariscos Antón Cortegada volve á competición con só oito xogadoras sénior e necesitado de fichaxes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

As de Álvaro Fernández reciben este sábado o Port Manegement Andratx

10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga Femenina 2 regresará mañá sábado tres semanas despois da disputa da derradeira xornada do 2024. Un último partido que o Mariscos Antón Cortegada xogaba na cancha do Tordera, en Blanes, con nove baloncestistas do primeiro equipo. Hoxe, o cadro de efectivos que manexa Álvaro Fernández é dun menos, logo de que a escolta italiana Valentina Usai acordara co club a súa marcha tras dispoñer de tan só 18 minutos de xogo na Liga.

Coa saída de Usai e a marcha, xusto antes do inicio do campionato regular, da tamén escolta Nerea Arambarri, o Mariscos Antón Cortegada queda moi limitado de efectivos, cun xogo exterior con dúas bases, Carolina Bernardeco e Marta Sanmartín, con Blanca Manivesa exercendo labores de escolta e con Cris Loureiro e con Gara Jorge alternándose no tres, cando non xogando directamente xuntas.

Así as cousas, xa no Nadal Álvaro Fernández expúxolle á directiva do Cortegada a conveniencia de acudir ao mercado na procura de, a lo menos, un reforzo. E é que, a falta inda de dous partidos para a conclusión da fase regular da Liga, e co regreso á fase de ascenso como unha aspiración plausible, co conxunto vilagarcián hoxe terceiro cos mesmos oito triunfos co GEIEG Pacisa e só dous menos co líder, o Bosonit Unibasket, a temporada pode facerse moi longa e dura de ter que tirar co cadro de xogadoras tan curto co que hoxe se manexa o adestrador catalán.

Mentres a directiva do Cortegada decide se darlle luz verde a novas contratacións, Álvaro Fernández deberá apañarse coas súas oito séniores —as interiores Iria Losada, Ewelina Jackowska e Aminata Traore son as outras tres— e coas tres baloncestistas do segundo equipo do club, en Primera Nacional, que traballan con el. Falamos da escolta Inés Yubero e da pívot Teresa Cabello, ambas as dúas en dinámica cen por cen Liga Femenina 2, e da escolta coruñesa Cecilia Rivas, incorporada coa temporada xa iniciada ao filial do Mariscos Antón Cortegada.

Con estes mimbres deberá encarar o equipo vilagarcián o seu primeiro compromiso oficial do 2025. Este sábado, no Pavillón Municipal Sara Gómez, ante o Port Management Andratx, noveno na metade baixa da clasificación e un balance de cinco vitorias e seis derrotas. Un partido que Álvaro Fernández comezou a preparar co equipo ao completo o 3 de xaneiro.