Este evento anual reúne ás persoas que apoian o proxecto Ruta de Memoria Democrática, que inclúe a instalación de paneis didácticos en lugares significativos da represión franquista en Vilagarcía
19 ene 2025 . Actualizado a las 13:12 h.A Iniciativa Cidadá de Memoria Histórica de Vilagarcía, coa colaboración de O Faiado da Memoria, organiza o tradicional Xantar da Memoria, que se celebrará o próximo 15 de febreiro no Churrasco de Rubiáns. Este evento anual reúne ás persoas que apoian o proxecto Ruta de Memoria Democrática, unha iniciativa dedicada a preservar a memoria histórica mediante a instalación de paneis didácticos en lugares significativos da represión franquista en Vilagarcía.
Ata o momento, colocáronse paneis no cemiterio xeral, fronte á estación do histórico ferrocarril Carril-Cornes, e nos lugares de Os Martices-Cea e Loenzo-Rubiáns. Agora, trabállase na sinalización de Zamar-Lobeira, un proxecto que require completar un estudo exhaustivo debido á escaseza ou total ausencia de rexistros que deixen constancia escrita da represión exercida, segundo informa a organización.
«Como asociación de base de Memoria Democrática criticamos que a web oficial creada polo Goberno para este aniversario ofreza unha visión edulcorada do pasado, omitindo a violencia sistemática da ditadura ou evitando mencionar a existencia de presos políticos e as fosas comúns que aínda permanecen sen identificar. Esta narrativa sen contido crítico ignora os conflitos sociais e as traxedias que marcaron a transición á democracia», sinalan a conta a conmemoración do 50 aniversario da morte de Franco.
Desde a organización sublíñase «a importancia de sensibilizar á mocidade sobre o valor da democracia, especialmente nun momento no que esta amosa signos de retroceso. A perda de conexión co pasado ditatorial e as súas consecuencias deixa ás novas xeracións desprovistas dunha conciencia crítica necesaria para identificar e combater calquera deriva autoritaria no presente».