Vilagarcía amplía prazas na súa proba da Copa Galicia de BTT de Resistencia
VILAGARCÍA DE AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/CmR3KRIML7_AZL-6vE2zuK3u1DQ=/480x/2025/01/27/00121737998042079982621/Foto/AE28C6F1_18130.jpg)
A Federación baralla escoller a carreira coma Campionato Galego no 2026
28 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Vilagarcía de Arousa será este ano outra vez escenario dunha das paradas da Copa Galicia de BTT 3 Horas Resistencia. O domingo 9 de febreiro, ás dez da mañá, daráse a saída no monte Xiabre á cuarta proba do calendario da competición autonómica, convertida na terceira pola suspensión o pasado domingo da segunda carreira en Noia a causa do temporal. Coa inscrición aberta ata as 15 horas do 6 de febreiro a través da Federación Galega de Ciclismo, estará limitada a federados, cun custe de 15 euros.
A cita arousá traerá novidades nesta a súa segunda edición. O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, informou onte na súa presentación no consistorio de Ravella da ampliación de 250 a 300 o número de prazas máximo logo de que, di, «o ano pasado a proba de Vilagarcía foi a que máis afluencia de público tivo; de feito, houbo que abrir un segundo prazo de inscrición».
Os eloxios de Muñiz levárono a sinalar a carreira arousá coma candidata a albergar o Campionato Galego da especialidade o vindeiro ano, 2026.
Organizada polo Club Arousa Bike BTT, o seu presidente, David Janza, salientou a oportunidade para os ciclistas de montaña de poder participar nunha proba de moi alto nivel e nun espazo privilexiado, nun circuíto de case 6 quilómetros pola contorna do encoro de Castroagudín, no que descartou a formación de lama. Un factor este chamado a favorecer os rexistros dos corredores participantes. «El año pasado fue un éxito rotundo. Este año queremos que vuelva a serlo», dixo o máximo responsable dun club con 17 integrantes do que o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, eloxiou durante a presentación pola súa ansia por facer cousas novas constantemente pese a levar moi pouco tempo de vida inda.
O rexedor aproveitou a ocasión para salientar a condición de Vilagarcía de referente na organización de eventos deportivos en presenza dos dous padriños desta segunda edición da proba de BTT 3 Horas Resistencia, o ex ciclista profesional de estrada Álex Marque e o humorista e actor David Amor, quenes animaron a desfrutar dun gran trazado e, no caso deste último, tamén a valorar o labor de conservación e posta en valor do monte polas comunidades que o traballan.
Recadación contra o cancro
A presentación contou tamén coa asistencia de Raúl Santamaría, en representación do colectivo Arousa Moza, colaborador da carreira, e de Loli Crespo. Esta última, en nome da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), entidade que recibirá a recadación da proba de mans dos seus organizadores.