Arousa non falla a Rosalía: música e poesía ata mañá

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Vilagarcía iniciou onte a celebración cun espectáculo itinerante que recorrerá varios centros culturais do municipio. Tamén hai actividades no Grove, Cambados e Catoira

22 feb 2025 . Actualizado a las 09:19 h.

Arousa vai conmemorar o Día de Rosalía con numerosas actividades en cartel. Vilagarcía iniciou onte a celebración co espectáculo itinerante Sempre Rosalía, que recorrerá varios centros culturais do municipio ata mañá; hoxe ás 12.30 horas estará na biblioteca Rosalía de Castro e a partir das cinco da tarde iniciará un percorrido por Faxilde, Vilaxoán, Sobradelo e Trabanca Badiña. O domingo, a función empezará ás 12 horas en Solobeira, unha hora despois chegará a Rubiáns e ás 17 horas seguirá por Cornazo, A Laxe e os centros de San Roque e Breogán do Piñeiriño. Trátase dunha obra de Producións Dispersas que dura 20 minutos e está dirixida a todos os públicos.

Pola súa banda, a biblioteca municipal celebra o Día de Rosalía cunha exposición sobre a autora e os seus traballos máis destacados no recibidor do edificio, composta por varias vitrinas e estantes, que se poderá visitar desde este sábado e ata o 12 de marzo.

No Grove tamén lembrarán a Rosalía cunha lectura de poemas organizada por Breogán coa colaboración de persoas do colectivo Diversos Conversos e outras que participarán a título individual. En Quinteiro de Temperán prepararán o tradicional Caldo de Gloria na honra da escritora. Será no centro de interpretación agraria, a partir das 12.30 horas, e non faltará la poesía nin a música.

A Banda de Música Sons e Soños actuará mañá no salón José Peña de Cambados ás 18 horas, con entrada libre e dentro da conmemoración do 20 aniversario do conservatorio de Cambados. Na biblioteca de Catoira haberá o domingo ao mediodía un obradoiro concerto a cargo de Jara Ortiz e ás 19 horas terá lugar no auditorio o espectáculo A Nosa Rosalía, no que participarán a Escola Municipal de Teatro de Catoira e a Asociación Cultural Nós de Sobradelo.