O fondo da ría de Arousa e os libros: unha historia de amor
VILAGARCÍA DE AROUSA

É un orgullo vivir nunha vila única, con séculos de historia e con economía e cultura propias
25 mar 2025 . Actualizado a las 12:32 h.A historia das librerías en Vilagarcía da para un libro. Ou para moitos. O que teño claro é que en todos eles tería un papel protagonista a Librería Independencia, situada na praza da que herda o seu nome, e que máis tarde se trasladou a Rúa Cobián co nome de Librería Arosa. Á fronte sempre estiveron Modi e Roque (imposible ser máis vilagarcián).
Ese foi o legado que tivemos a sorte de recoller no ano 98. Cando nos fixemos cargo da librería rebautizámola co nome de Librería Arousa (como me gustaría que o noso equipo de fútbol dera ese paso). Esa decisión é unha desas das que se di que marcan unha vida. A acollida emotiva e o compromiso mutuo cunha sociedade ávida de cultura fixo o resto.
A libraría converteuse nun punto de encontro para a veciñanza do centro, dos barrios, das parroquias e mesmo de visitantes foráneos. Pouco a pouco o local foise quedando cativo e o que nun principio eran 60 metros cadrados pasaron a ser 250. Ese apoio e tantas historias compartidas, permitiunos trasladar a experiencia a outras localidades, construíndo un proxecto que conta a día de hoxe con 14 librarías propias e 15 franquiciadas en todo o Estado español.
Cando unha poboación fai propio un negocio suceden cousas que cando pasan noutros sitios abren as páxinas de negocios dos xornais e que cando suceden aquí siléncianse como se non tivesen importancia. Hai unha visión errónea que entende que os negocios do mundo teñen que vir a Vilagarcía, mais Vilagarcía hai tempo que centra os seus esforzos en crear negocios propios dos que poder presumir polo planeta adiante. E faino.
Para min é un orgullo ver as varas que sinalizan os viveiros na praia de Compostela, que indican a quen nos visita que desa praia viven centos de familias e que por iso é única no mundo. Tamén o son as bateas e as plantacións de viño nos montes que configuran unha economía propia que nos permite máis independencia da que desexarían moitas multinacionais. Iso é Vilagarcía, unha poboación que traballa arreo para ter a liberdade de tomar as súas propias decisións.
Como carrilexo, máis ben afoghacristos, sempre pensei que Vilagarcía non pode nin debe sentir ningún complexo por non ser unha cidade uniformada das que semella que se levan hoxe en día. Somos unha vila única, con séculos de historia, con economía e cultura propias e coa capacidade de beber doutras para escribir o noso futuro.
Como dicía o meu amigo Moncho Pasensias, «a xente que vivimos no fondo da ría» non precisamos ningún fervor, porque levamos moitos anos cocendo a lume lento. É faltar a verdade botarlle a culpa do peche de librerías a unha sociedade que aposta como ningunha polo comercio de proximidade e que permite cada día que poidamos seguir facendo o que tanto nos gusta. Moitas grazas por ser así.
Carlos Blanco García é libreiro e director do grupo Espacio Lector Nobel