470 nenas e nenos de Vilagarcía unirán as súas voces nunha xigantesca coral infantil en Cantarousa
VILAGARCÍA DE AROUSA

Alumnos de sete colexios actuarán o 25 de abril no auditorio, acompañados por profesores e estudantes do conservatorio
08 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O conservatorio profesional de música de Vilagarcía está a organizar a primeira edición de Cantarousa, un certame con vocación de perdurar no tempo que reunirá a 470 escolares do municipio nun xigantesco coro infantil. Formado por alumnos de Primaria dos colexios de A Escardia, A Lomba, O Piñeiriño, Rubiáns, Vilaxoán, Sagrada Familia e San Francisco, os pequenos intérpretes actuarán, xunto a estudantes do propio conservatorio, o venres, 25 de abril, no auditorio.
«O obxectivo non é só realizar un concerto, senón tamén vivir un proceso educativo compartido, no que os docentes, o alumnado e as familias traballan xuntos, descubrindo o poder da música como ferramenta de expresión», subliñou Roberto Sánchez, director técnico da actividade.
O grupo atópase en pleno proceso de ensaio en cada un dos centros, para que os nenos, con idades comprendidas entre os oito e os dez anos, conflúan nunha sesión preparatoria, a dous días do concerto, xa no propio auditorio. O repertorio inclúe cancións populares de todo o mundo, coma Si mama ka, de Gana, que será cantada en suahili, ou Akai Hana, do acervo tradicional xaponés, na que o idioma supuxo un reto que os participantes están a superar con entusiasmo. Tampouco no faltarán temas actuais, coma a banda sonora da película Vaiana.
Trátase, explicou a directora do conservatorio, Rosina Sobrido, de «levar a música ás aulas e ás rúas», coincidindo co vixésimo aniversario da constitución do centro formativo, pero aberto a se converter nun referente no calendario cultural de Vilagarcía.
Debido á grande cantidade de nenos que participarán, programaranse dous pases, ás cinco e media da tarde e ás sete do serán. Ambos, con acompañamento musical en directo, que ofrecerán estudantes e profesorado. Cada interesado poderá retirar catro invitacións, de balde, os días 22, 23 e 24 nas oficinas do auditorio, en horario de tarde.