Nova xornada de convivencia de fútbol praia na Compostela

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A praia Compostela de Vilagarcía de Arousa volverá acoller unha xornada de convivencia de fútbol praia baixo a organización da Real Federación Galega de Fútbol. Será mañá, de dez da mañá a unha da tarde, coa inscrición aberta a través da sede da RFGF para calquera deportista de entre 8 e 18 anos que estea federado nalgún club.

Vilagarcía é a localidade do sur de Galicia elixida pola Federación para esta experiencia, que se desenvolverá o mesmo día na praia de Sabón, no concello de Arteixo, para a zona norte da comunidade.

«Estamos moi satisfeitos porque estamos vendo que a Federación ten moito interese en Vilagarcía», di o concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira, en tanto xa se celebrara unha xornada semellante na localidade o pasado 2 de marzo, á que acudiron máis dun cento de deportistas. O presidente da Fundación apuntou que «calquera rapaz ou rapaza que estea federado, ben sexa en fútbol ou en fútbol sala, poderá inscribirse nesta actividade. É unha moi boa oportunidade para descubrir outros deportes e pasar unha xornada entretida nun entorno inmellorable».

A praia da Concha-Compostela estase a converter nun novo espazo de interese para a práctica de deporte. Cómpre recordar que xa hai un mes que se instalaron dous campos de fútbol praia precisamente para dar cabida a este tipo de xornadas.