A rúa Bouza de Abaixo de Vilaxoán ganará espazo para peóns e estará limitada a 10 quilómetros por hora para os vehículos

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Visita institucional realizada este mércores a Vilaxoán
Visita institucional realizada este mércores a Vilaxoán MARTINA MISER

A Deputación aproba o venres unha achega de 776.000 euros para financiar a obra e o Concello anuncia que a obra sairá a licitación en agosto

25 jun 2025 . Actualizado a las 17:34 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres unha achega de 776.000 euros para financiar a obra de humanización da rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán ao amparo da liña 1 do Plan +Provincia.

Para dar conta deste investimento, trasladouse hoxe a Vilagarcía o deputado provincial Javier Tourís, que estivo acompañado polos concelleiros socialistas Tania García, José María González e Álvaro Carou e a portavoz do PP, Ana Granja.

A actuación, que foi presentada publicamente hai unhas semanas, contempla a creación dunha plataforma única de prioridade peonil, totalmente accesible. Poranse en valor elementos patrimoniais, como o cruceiro en Benigno Santos, grazas á colocación dun empedrado diferencial. Aproveitando melloraranse todos os servizos soterrados: separaranse as redes de saneamento e pluviais, cambiaranse as de baixa tensión, iluminación, telefonía e renovarase o mobiliario urbano, con papeleiras, bancos e farois. Tamén se van arranxar o firme e beirarrúas de Bouza de Abaixo e de Avelina Nogueira, na que a pavimentación de pedra está especialmente deteriorada no cruce coa rúa Alfredo Saralegui.

«O obxectivo principal da actuación non só é mellorar o aspecto desta zona, senón tamén dar prioridade aos peóns, limitando o acceso a vehículos autorizados e establecendo unha velocidade máxima de 10 quilómetros por hora. Desta maneira, o espazo peonil pasará de 904,15 metros cadrados a 2.170, o que supón un aumento do 140 % do espazo total destinado ás persoas», segundo informa a Deputación de Pontevedra.

Javier Tourís recordou que co Plan +Provincia permite achegar recursos «como nunca antes se fixera, para que poidan facer realidade actuacións que transforman e modernizan as vilas da nosa provincia».

Pola súa banda, o goberno local anuncia que sacará a licitación as obras no mes de agosto. «Todo o proceso está xa listo á espera de que a Deputación remita o acordo de aprobación.  «Esta actuación completa un ciclo de inversións que chegan a diversas zonas, con importantes proxectos que cambian a fisionomía da vila, facéndoa máis accesible, como xa sucedeu con anterioridade, por exemplo, na rúa Sobrán, onde se investiron outros 700.000 euros», apuntou a portavoz municipal, Tania García.