Portos infórmalle á Asociación de Veciños de Vilaxoán dunha reforma do vial do Preguntorio o vindeiro mes
VILAGARCÍA DE AROUSA

O colectivo apenas tivo resposta efectiva ao resto do groso das súas demandas aludindo o ente da Xunta a unha cuestión de reparto de competencias entre Administracións
27 jun 2025 . Actualizado a las 09:18 h.A Asociación de Veciños de Vilaxoán mantivo este xoves unha xuntanza con personal de Portos de Galicia en Pontevedra a petición do colectivo. Dela, a principal novidade a efectos prácticos foi o anuncio da reforma do vial do Preguntoiro o vindeiro mes para solucionar os problemas xerados polos desniveis do firme. Un estado que provoca bolsas de auga cando chove, con efectos perigosos na conducción dos vehículos e molestias aos viandantes.
Desde Portos de Galicia informouse de que a reforma se fará por fases. A AA.VV. Vilaxoán trasladoulle ao ente dependente da Xunta de Galicia que o treito máis preocupante é o do Parque de Dona Concha e a urxencia de reparar as tragantes de pluviais da rúa Avelina Nogueira.
No tocante ao resto dos temas expostos pola asociación veciñal, os seus responsables sinalan que respecto á solicitude da reforma integral do paseo do Preguntoiro se lles dixo que un proxecto así debe pasar pola xerencia de Portos, non pola súa delegación provincial.
Desde esta última si se amosaron abertos á apertura do espigón da Insuíña a viandantes, pero que sería preciso un acordo co Concello de Vilagarcía. E a partir de aquí, todos os demais asuntos que lle preocupan ao colectivo de Vilaxoán se empantanaron nunha referencia ao reparto de competencias que ben obrigaría a outras Administracións, neste caso Costas do Estado ou o Concello de Vilagarcía, ou ben a unha entente entre algunha ou as dúas con Portos de Galicia. A caída dun ciclista na praia do Castelete, o problema da area do areal do Preguntoiro e a desafectación de terreos que non teñen uso portuario aparecen neste capítulo.
A Asociación de Veciños de Vilaxoán recorda que todas as demandas expostas na xuntanza deste xoves con Portos de Galicia foran trasladadas hai un ano a un técnico do ente tras mediación do Partido Popular de Vilagarcía e postas negro sobre branco nun informe entregado na reunión. Daquela, din desde a entidade social, “o representante de Portos comprometeuse a facer as valoracións pertinentes e elevalas á presidencia do ente”.
Salientando a efectividade da mediación do PP local á hora de activar a reforma do vial do Preguntoiro, “cada vez que os citamos (ao PP e Portos) a acudir ao Preguntoiro, a súa preocupación está relacionada coa praia, é dicir responsabilidades de Costas do Estado e do Concello”, lamentan desde Vilaxoán. “Logo de reivindicar a restauración de espazos municipais como parques e paseos, sobre o Preguntoiro non nos consta denuncia pública algunha. Curioso”, conclúe a asociación de veciños do sur da capital arousá.