«Queremos que os mariñeiros estean orgullosos da imaxe que os representa»

G. B. BANDÍN / R. E. CARRIL / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

A Confraría de Carril presentou a súa nova imaxe na Festa da Ameixa

12 ago 2025 . Actualizado a las 17:16 h.

A Confraría Santiago Apóstolo de Carril ten una nova imaxe que foi traballada para manter a esencia e a tradición desta entidade mariñeira. Falamos con Ricardo Tubío, un das mentes detrás de Cenlitros, a empresa con máis de vinte anos de traxectoria que creou a nova identidade gráfica da confraría e da ameixa.

—Como foi o proceso creativo? Déronlles algunha directriz a seguir?

—Non había ningunha liña vermella. Nós lles recomendamos facer un traballo que non fora completamente rupturista, senón que tivera algo de continuidade. Por iso, mantivemos certos elementos da imaxe anterior: a cor vermella e a idea central da embarcación. Sempre intentamos que teña un certo nivel de vínculo co pasado, para que todo o mundo, na medida do posible, se vexa reflectido na nova solución.

—Como foi o proceso de selección final?

—Houbo varias opcións no proceso de desenvolvemento e nós fomos seleccionando a mellor das que ían xurdindo. Despois compartímolas co cliente e explicabámoslle o motivo polo cal consideramos que eran a máis acertadas. Foi un proxecto moi agradecido e un cliente co que foi moi fácil traballar, xa que entenderon o camiño que estábamos a expor, compartírono e foi un proceso moi agradable.

—Cal é o obxectivo que queren transmitir?

—Hai dúas partes, por unha banda a técnica: a ilustración anterior non era compatible cos novos soportes e medios de reprodución. Naquel momento os sistemas de impresión eran rudimentarios pero na época dixital temos que crear símbolos que sexan reducibles a tamaños moi pequenos —teñen que figurar en aplicacións, en soportes dixitais—. Había que actualizar, simplificar e abstraer a ilustración. Pola outra banda, o significado: tiña un problema de coherencia toponímica e había que ter en conta esa cuestión idiomática. Tamén entendiamos que o galeón que aparecía na imaxe non representaba a realidade do porto de Carril. É un porto de baixura que se compón de embarcacións pequenas dedicadas á pesca de proximidade e ao marisqueo. Fixemos unha investigación e resultou que o bote de vela latina era o máis tradicional. Queriamos que houbera tradición e cultura mariñeira e queremos que os mariñeiros estean orgullosos da imaxe que os representa. Era unha cuestión de buscar un símbolo contemporáneo con liñas limpas e cun proceso formal que reducira á mínima expresión esa realidade.

—E como lograron manter a esencia?

—Os procesos de deseño contemporáneo son subtractivos, onde vas tentando eliminar todo o que pode ser innecesario. Nós concluímos que podiamos simplificar esa embarcación dende a proa, con esas liñas que converxen, e despois tamén o do reflexo ten un sentido: a particularidade do porto de Carril é que nun porto interior as augas son mansas que permiten os reflexos, algo que non pasa nun porto de mar aberto.

—O da ameixa cómo o fixeron?

—A ameixa é unha submarca. Intentamos manter certa similitude para que cando alguén a vexa poida recoñecer o vínculo coa confraría. Pensabamos nas praias da ría, cando baixa a marea sempre queda moita praia descuberta; entón visualizámolo como a ameixa que queda espetada na area e se reflexa nesa lámina fina de auga que queda por riba. Despois, a nivel cromático comparte a filosofía, ten diferenciado as dúas partes: a vermella e a información secundaria, ese reflexo, que aparece lavado nun gris.