Vilagarcía oferta un curso para mulleres sobre competencias clave en galego

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os  módulos serán impartidos entre setembro e outubro na academia Kaeme

19 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A área de Igualdade do Concello de Vilagarcía vén de abrir o prazo de inscrición para o curso sobre competencias clave nivel 2 en lingua galega. O título está destinado especificamente a mulleres e darase prioridade a aquelas que estean en situación de vulnerabilidade. As persoas interesadas poderán anotarse ata o 4 de setembro en persoa nas oficinas do departamento, na primeira planta da Casa Consistorial, ou por sede electrónica. A actividade é gratuíta e impartirase do 15 de setembro ao 21 de outubro en horario de mañá (09.30 a 14 horas) en Kaeme (praza de Galicia, 10).

Os certificados de profesionalidade constitúen unha formación oficial que acredita que unha persoa ten as competencias necesarias para desenvolver unha actividade laboral concreta. Neste caso, o obxectivo é mellorar a empregabilidade, ampliar e acreditar a súa formación en galego e, polo tanto, o seu currículo e facilitar o acceso a certificados de profesionalidade.

A formación inclúe cinco módulos divididos en comunicación e lingua; principios básicos no uso do galego; producións orais; producións escritas; técnicas de busca, tratamento e presentación de información.

A actividade está organizada polo Concello e a Deputación de Pontevedra no marco do Plan Máis Provincia. Para calquera dúbida, os usuarios poden poñerse en contacto coa área de Igualdade-CIM, telefonando ao 986 099 200, ou coa propia academia Kaeme (986 507 417).