A organización sinala as claves a lembrar por campistas e festivaleiros
11 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Van alá moitos anos xa de Revenidas e o persoal coñece ben como funciona a cousa, pero, por si acaso, a organización enviou unha especie de guía para que ninguén perda o rumbo en Vilaxoán nestes catro días. Os concertos desenvolveranse en varios escenarios ao longo de cada día. Na parte superior da programación indícanse as horas de apertura de portas e as de pulseración, trámite imprescindible para acceder tanto ao recinto como á zona de acampada.
En relación ás entradas, a organización lembra que os prezos mudarán a partir de hoxe as 10.00. O abono para os catro días terá un prezo final de 75 euros, mentres que as entradas individuais situaranse en 40 euros para xoves e venres, e 45 euros para o sábado. As billeteiras abrirán o xoves e o venres ás 12:00, e o sábado ás 10.30 horas pechando en todos os casos ás dúas da madrugada.
A acampada, espazo fundamental para a comunidade do festival, estará situada no Rial e abrirá tamén hoxe a partir das 12.00. Alí non se realiza a pulseración, polo que é necesario pasar primeiro pola billeteira do recinto para obter a pulseira correspondente. Por motivos de seguridade e organización, nesta edición unificáronse todas as áreas de acampada. O recinto contará cun mapa detallado no que se sinalan as diferentes zonas: barras, baños, escenarios, áreas de descanso e postos de merchandising. Este último ofrecerá novos deseños oficiais do Revenidas 2025/2026 en diferentes tallas. Ademais de poder mercar no propio festival, os artigos estarán dispoñibles na tenda en liña, aínda que os envíos se realizarán unha vez rematado o evento. A organización anunciou que o 10% dos beneficios do merchandising destinarase a iniciativas solidarias en prol de Palestina e contra Altri.
As persoas que se acheguen en vehículo propio contarán cunha rede de parkings alternativos preto de Vilaxoán. Ademais, habilitarase un servizo de autobuses gratuítos que comunicará de maneira continua a zona de acampada co recinto. Ao final de cada xornada tamén se porán en marcha rutas especiais para regresar desde Vilaxoán ata Vilagarcía.