Vilanova prohíbe as fogueiras de San Xoán e San Pedro nas praias

La Voz VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Concello emite un bando coas condicións para prender lumes nesas datas

31 may 2023 . Actualizado a las 13:54 h.

O Concello de Vilanova abriu o prazo para solicitar o permiso para facer fogueiras por San Xoán e San Pedro. Os interesados deberán solicitar autorización mediante solicitude antes das 9 horas do día 19 de xuño na oficina de rexistro do Concello ou a través da sede electrónica, na que constará o nome da persoa responsable, o número do documento de identidade, o enderezo e teléfono de contacto xunto cunha copia do seu DNI.

Para poder realizar a fogueira deberá comprometerse a seguir as seguintes normas: o lugar de situación da fogueira non suporá perigo para persoas e bens; as dimensións da fogueira serán como máximo de 3x3x3 metros; hai obriga de manter limpo un radio de 15 metros arredor da fogueira, rozando se fose necesario a zona así como contar con algún medio para a extinción do lume en caso necesario (mangueiras, extintor...); o lume non poderá situarse baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin aos arredores de locais que almacenen produtos inflamábeis; queda prohibido queimar pneumáticos, plásticos, aceites ou calquera sustancia que ao arder desprenda fume tóxico; non se poderán botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamábeis ou gases a presión, aínda que estean abertos; extremaranse as precaucións en caso de vento; non se poderá abandonar a queima ata asegurarse da súa total extinción e queda totalmente prohibido a realización de fogueiras nas praias e areais do municipio.

Aquelas fogueiras que non estean autorizadas non poderán levarse a cabo, quedando os servizos municipais encargados de impedilo. O día 23 de xuño publicarase na sede electrónica do Concello a relación das autorizacións concedidas.